Salceda de Caselas | As rúas de Salceda transformaranse este sábado 21 de xuño nunha pasarela de vehículos de máis de 30 anos na II edición do Condado Classic organizada polo Club de Clásicos e Históricos do Condado Paradanta que preside Jose Táboas.
Nesta ocasión, un total de 100 persoas repartidas en 50 coches tomarán a saída dende a Praza do Concello de Salceda da man da alcaldesa Loli Castiñeira a partires das 16.00 horas nunha proba de regularidade que polas súas características se celebra con tráfico aberto e na cal os vehículos participantes non poden superar a velocidade de 50 km/hora en ningún momento.
A Alcaldesa Loli Castiñeira quixo agradecer ao Club que tivesen escollido o seu Concello para esta proba: “Salceda é un Concello amigo dos deportes do motor, e unha proba tan singular coma esta enriquece sen dúbida a nosa vila e a nosa xente”. A Alcaldesa anunciou tamén a súa intención de participar no percorrido nun dos vehículos da organización.
Os tres tramos previstos supoñen un total de 140 km, contando con unha pausa/habituallamento de 45 minutos a media tarde. Na proba cóntase con vehículos chegados de toda Galicia, moitos deles da provincia de Pontevedra, pero tamén doutros Concellos como Sarria, A Coruña, Carballiño ou Ourense. A chegada dos vehículos á Praza do Concello de Salceda para prepararse para a saíde será entre as 12 e as 13.30, polo que nese horario se poderán contemplar a totalidade de coches participantes.
A proba conta con puntos de control cada 100 metros, resultando vencedora aquela persoa que realice o percorrido dun xeito máis axustado á velocidade establecida en cada zona. As persoas participantes van provistas dun rutómetro e a súa posición está controlada por sistema GPS.
Sen dúbida un dos vehículos estrela será o Mini Cooper S do ano 66 de Luciano e Begoña, que chegan dende Nigrán e que foron os ganadores da proba na pasada edición. Este será o coche máis antigo participante na proba.