Salceda de Caselas | A cuarta edición do Programa Xuntas, cofinanciado pola Xunta de Galicia e polos fondos europeos, arranca esta semana nos concellos de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves; e durará ata o vindeiro 30 de setembro.
Trátase dun programa consolidade de atención a mulleres no que se combina a formación co asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral, e con accións de apoderamento a través da Escola Feminista e mellora da saúde psíquica, física e sexual das participantes.
O proxecto é un exemplo de cooperación entre os tres concellos da provincia de Pontevedra e ao que se lle ten dado unha continuidade avalada polas altas valoracións que recibe nas sucesivas convocatorias. Así, achega ferramentas a todas as mulleres, cunha oferta de servizos e actividades pensadas para todas as idades e que mestura accións de coñecemento e aprendizaxe con debates, asesoramento e auto coidados.
Desde unha perspectiva feminista, profesionais cualificadas e de recoñecida traxectoria nos seus ámbitos asesorarán ás usuarias en materia xurídica, psicolóxica e laboral, así como na comunicación oral, no manexo de redes sociais, na saúde, ioga ou mindfullnes, na autoestima ou na sexualidade.
Tamén se inclúen obradoiros centrados na cultura a través de debates ao redor de exemplos no cine, a publicidade, a música e a literatura; en base aos diferentes orixes e traxectorias de vida sobre temas que unen a todas as mulleres. Nesta edición, haberá un obradoiro literario, un achegamento aos cambios socioeconómicos e o impacto nas mulleres así como a abordaxe da violencia de xénero e a explotación sexual e a trata de mulleres.
O Programa Xuntas é totalmente de balde e está aberto a todas as mulleres. En todo momento haberá atención psicolóxica, xurídica e laboral que será a demanda con cita previa e que, como mínimo, prestarase todos os luns en horario de 9 a 2 da tarde.
Aquelas persoas interesadas en formar parte do proxecto poden poñerse en contacto cos seus respectivos Concellos, que lle facilitarán a información necesaria para inscribirse. Así mesmo, editarase material de difusión en papel e adaptado ás redes sociais. Todas poden comunicarse directamente co Programa a través do whatsapp 685211882.