Salceda actualiza a súa cartografía, planimetría e rede topográfica

Presentada a nova planificación orientada a elaborar un novo PXOM

Salceda de Caselas | O Centro Cívico de A Devesa acolleu este 24 de marzo a presentación da Cartografía Six, Ortofoto Dixital e Rede Topográfica do municipio de Salceda nun acto no que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o deputado Santos Héctor Rodríguez quixeron acompañar á alcaldesa Verónica Tourón e aos concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno.

Verónica Tourón, tamén responsable da Concellería de Urbanismo, salientou a importancia desta presentación xa que coa elaboración da cartografía e a Rede Topográfica municipal “sentamos unhas bases sólidas para a elaboración do Plan Xeral”.

Tourón explicou que os documentos “permítenos tamén traballar sobre as correctas dimensións e características das diferentes áreas e zonas que conforman o noso termo municipal e así garantir o desenvolvemento urbano sostible e ordenado para toda a veciñanza”.

A través dunha proxección explicada polo técnico do Departamento de Urbanismo, Rubén Martín Vázquez, as persoas asistentes puideron comprobar a enorme importancia e utilidade da elaboracióndestes traballos para desenvolver as tarefas diarias e permitirá ao departamento ser máis áxil.

Este traballo adaptado á normativa actual é a base do novo PXOM, permitirá levar a cabo o desenvolvemento do planeamento urbanístico do municipio, quedando así feitos os traballos previos necesarios para a elaboración do Plan Xeral.

Coa realización dun voo fotogramétrico en cor da totalidade da superficie do termo municipal, obtivéronse os datos necesarios para a elaboración da Rede básica cartográfica co seu correspondente enlace á Rede Xeodésica activa existente (Galnet)

Co apoio fotogramétrico e a aerotriangulación xerouse a base topográfica harmonizada da cartografía restituíndoa a diferentes escalas do termo municipal. Con este traballos obtívose igualmente unha ortofotografía así como unha restitución dixitalizada de todo o termo municipal en 3D a escala 1:500 do núcleo urbano e o polígono industrial, a 1:1000 das zonas urbanizadas e a 1:2000 das zonas rústicas de monte e cultivo.

Esta aplicación das técnicas máis avanzadas permite substituír os anteriores planos cartográficos municipais que estaban totalmente desactualizados.