Resurrection Fest consolidase como referente internacional

O vixésima edición será do 25 ao 28 de xuño en Viveiro

Viveiro | A mellor música de alta voltaxe volverá resoar en Galicia coa celebración dunha cita xa mítica do calendario musical: O Resurrection Fest regresa a Viveiro do 25 ao 28 de xuño para celebrar a súa 20ª edición. Trátase dunha cita enmarcada nos ‘Concertos do Xacobeo’ que cumpre dúas décadas de vida cun line up de primeiro nivel e moitas outras actividades e melloras, ademais de artistas que visitan España por primeira vez, xiras internacionais únicas e directos exclusivos.

Así o puideron constatar o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita á montaxe dun festival que medra cada ano en asistentes, o que supón un importante pulo no ámbito turístico e económico do territorio.

En 20 anos de historia, o Resurrection Fest pasou de congregar a 1.500 persoas a reunir a máis de 120.000 persoas, converténdose en todo un referente mundial para os amantes do metal, o punk, o rock e o hardcore. Co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, este 2025 visitarán Viveiro grandísimos nombres como Judas Priest, Korn, Falling in Reverse ou Slipknot.

Durante o percorrido, Xosé Merelles salientou que “a misión de Turismo de Galicia é darlle cobertura a citas imprescindibles que aportan un valor de calidade musical para o noso territorio, facendo posible eventos da altísima calidade do Resurrection Fest no marco dos Concertos do Xacobeo”.

O director de Turismo de Galicia apuntou, tamén, que “o público internacional, nacional e galego que ven gozar do Resurrection, co seu innegable atractivo musical, pero tamén turístico e gastronómico, ten a oportunidade de presenciar unha proposta artística de primeiro nivel, única no seu xénero a nivel mundial, en sintonía con sons de hoxe e de sempre que teñen unha gran pegada en públicos de varias xeracións”. E rematou: “Viveiro está preparada para unha nova experiencia musical e cultural lexendaria da man dos Concertos do Xacobeo en Viveiro, cun evento único na súa especie, que cada ano congrega a máis de 120.000 seguidores de máis de 40 países e que supón un motor económico e turístico incomparable para a contorna”.

Concertos do Xacobeo
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia de Lugo, Concertos do Xacobeo suman dunha decena de eventos, entre eles, o Resurrection Fest, o Vendaval Fest ou o Caudal. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna dunha gran riqueza e que medra na súa interese como destino turístico ano tras ano, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes. Concertos do Xacobeo fomentará en Lugo a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.