Restaurar a memoria lingüística de Galicia.

Protexer legalmente a memoria dos defuntos é unha obriga dos herdeiros. Sobre todo, se o falecido testou o seu legado . Pero de non ser este o caso, porque a morte chegoulle imprevistamente, os herdeiros reciben certas manifestacions da persoa de índole moral que deben xestionar, esixindo o respeto á integridade da obra intelectual. Un prestixioso xurista como foi o alemán Savigny, sostiña que todo home débese valorar á vez como membro dunha familia e dun pobo, e cada época como a continuación e desenrolo de todos os tempos transcorridos. É dicir, ningunha época produce un mundo de seu, senón que o fai acumulativamente en comunidade indiscutible con todo o pasado. Dentro desta conexión indefinida duns seres con outros, ten sentido a protección da memoria da persoa defunta, que vén sendo a protección do imperecedeiro da súa vida: lembranzas, afectos, bo nome,etc. O imperecedeiro de quen desapareceu do mundo dos vivos, o que chamamos a súa “boa memoria”, perpetúase nos herdeiros, achegados, íntimos ou corpos sociais aos que pertenceu ou contribuíu a crear, segundo opinión do catedrático e especialista Mariano Alonso.

A defensa da memoria da persoa falecida debe recaer nos herdeiros en canto son a súa prolongacións; e se se nos permite ampliar a obriga, naqueles que participaron con ela en tarefas comunitarias. Tan é así, que o noso ordenamento xurídico prevé accións xudiciais que se poden exercer , no caso seren os defuntos aldraxados, para defender a súa dignidade, que é imperecedeira.

Ocorre, sen embargo, que no caso de Galicia a desconsideración dos vivos cos defuntos é de tal magnitude que se terxiversan as súas memorias, transformándoas noutras ben distintas, facendo irrecoñecible a aquela persoa que en vida pensou, cantou, amou… e traballou en estruturas societarias… en lingua galega. Ou non é certo que a inmensa maioría dos nichos e sepulcros dos máis de 3.718 cemiterios galegos dan conta disvirtudada da memoria dos que neles están choídos eternamente?

O feito de que en Galicia só unha de cada mil lápidas estea escrita en galego é significativa do desleixo desa obriga moral dos herdeiros de protección da memoria. É unha creba violenta que abre unha fenda na identidade cultural dun pobo. A partir dese momento deixa de pertencer a un pobo de fondas raíces na historia e pasa a formar parte doutra cultura. Esa conduta negacionista recorrendo a unha lingua non falada polo defunto ten tamén un comportamento semellante nas necrolóxicas redactadas en castelán, idioma que, por certo, tampouco fala maioritariamentea comunidade parroquial. En Galicia só un 2% das necrolóxicas inseridas nos medios de comunicación están escrítas en galego, desvirtuando deste xeito a realidade sociolingüística do país.

Conclusións: os herdeiros non son bos xestores da memoria do defunto. A esta desorientación colectiva contribúen tamén todos os operadores que se moven no ámbito funerario que non ímos enumerar agora, contando coa irresponsable permisividade dos familiares. Semella un suicidio cultural colectivo que hai que evitar na medida que as institucións públicas teñen a obriga de fomentaren a pervivencia do patrimonio cultural e lingüístico galego. Porque os cemiterio en Galicia -a parroquia dos mortos – non son desde logo a expresión da parroquia dos vivos. Paradoxalmente, os vivos van dando de alta aos mortos nun novo censo de expresión castelán.

Dun ano para acó morreron tres persoas vencelladas á defensa da lingua galega. Unha delas foi Celso Parada Fernández, profesor de lingua galega e recoñecido actor das artes escénicas. En previsión da morte por mor dunha doenza irreversible deixou escrita a súa necrolóxica nun requintado texto literario en lingua galega e unha manda indicándolles aos herdeiros como deberían facer os actos fúnebres. Meses despois morreu Concepción Rodríguez, “Concha de Luneda”, unha muller que chegou a ser coñecida polas moitas aparición en programas de televisión dedicados á divulgación do noso cancioneiro popular. A súa necrolóxica publicouse en castelán. Dous meses despois faleceu un funcionario encargado do Servizo de Normalización Lingüística dun concello. Como se fose un escarnio, quen foi un profesional da galeguización da sociedade, a súa publicouse tamén en castelán. O Concello ben puido publicar o día seguinte outra en galego, pero non o fixo.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vén de convocar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia como fai todos os anos, para que os concellos galegos programen actos calquera día da segunda quincena do mes de outubro nos camposantos. A proposta do chamamento é dobre:1) colocar unha placa na entrada dos cemiterios que diga “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, e 2) que os herdeiros dos defuntos procedan a substituiren as lápidas colocadas impropiamente en castelán por outras en galego.

A convocatoria é unha boa oportunidade para que os colectivos sociais: musicais, xuntas veciñais de montes e de augas, asociacións culturais e persoas do común que teñen militancia nalgún dos partidos políticos e sindicatos que defenden a identidade nacional de Galicia, restauren a memoria lingüística dos defuntos.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.