Réquiem pola OTAN.

Subitamente e ante a sorpresa dos membros da OTAN, en especial daqueles que forman parte da Unión Europea, apareceu o AUSKUS, acrónimo que define o pacto “anglosaxón” de defensa acordado o pasado 15 de setembro entre EE.UU, Gran Bretaña e Australia.

Trala vergoñenta retirada de Afganistán, quedaba claro que o presidente Joseph Biden precisaba dunha estratexia que fora convincente para manter inalterables os intereses do complexo militar e industrial estadounidense. Así, o AUSKUS ten un obxectivo estratéxico clave: a contención de China. Sexa quen sexa o que estea na Casa Branca, e nos derradeiros anos estiveron Obama, Trump e Biden, Washington sabe que Beijing é a principal ameaza a súa hexemonía global, cada vez mais contrarrestada.

“O AUSKUS ten un obxectivo estratéxico clave: a contención de China”

Agora ben, o foco está agora na OTAN e a denominada Alianza Atlántica. Europa rexeitaba a Trump precisamente pola súa reticencia a manter compromisos coa OTAN. Pero hoxe con Biden, Bruxelas se da de bruces coa realpolitik: Washington xa non precisa da OTAN, un organismo herdeiro da “guerra fría”. A única raison d`être da OTAN segue a ser unha Rusia que non esquece os seus intereses e a súa capacidade de influencia. Pero Washington interpreta que a clave do poder global do século XXI mudou fai tempo do Atlántico aos mares do Indo-Asia-Pacífico. Así, o AEKUS ven a certificar prematuramente esa defunción operativa da OTAN.

Golpeado na súa imaxe pola retirada de Afganistán, Biden apresurouse en amosar as súas cartas xeopolíticas. Co Brexit aparentemente sen volta atrás, o mandatario estadounidense aproveitou un momento decisivo. Ánxela Merkel pon fin a súa era hexemónica en Alemaña e na Unión Europea, coas incertezas sobre cal será agora o rumo que tomarán Berlín e Bruxelas. Putin, ese dor de cabeza da OTAN, acaba de afianzar o “putinismo” como sistema de poder nunhas eleccións lexislativas complacientes co status quo en Rusia. Incluso, a caída do xigante inmobiliario chinés Evergrade, que terá serias consecuencias para a economía global, era un punto probablemente en mente cando Biden certificou o nacemento da AUSKUS.

A única fronte discordante para Biden é Francia. O seu presidente Emmanuel Macron reaccionou aireado ao AEKUS, retirando os seus embaixadores en Washington e Camberra. Fálanse de acordos militares millonarios que perde París en Asia-Pacífico a favor de Washington. A UE respalda a París nesta crise atlántica.

“O equilibrio estratéxico de Washington pasou de degradar Asia Central (Afganistán) e Oriente Próximo (con Irán no conxelador) a favor dos seus aliados asiáticos e oceánicos”

Pero iso non parece importar a Biden. Sabe que o pulso de poder xógase en Asia-Pacífico. Alí China ten esferas de influencia enormes e diferendos marítimos con varios países, sen esquecer o sempre latente tema de Taiwán. O equilibrio estratéxico de Washington pasou de degradar Asia Central (Afganistán) e Oriente Próximo (con Irán no conxelador) a favor dos seus aliados asiáticos e oceánicos, neste caso Australia, Xapón, India e Corea do Sur. Gran Bretaña, o “curmá anglosaxón” de EE.UU, entra tamén na ecuación.

“Será isto o final da OTAN e do ‘atlantismo’? Todo indica que será un preámbulo dese fin”

Será isto o final da OTAN e do “atlantismo”? Todo indica que será un preámbulo dese fin. A mensaxe de Biden a Europa é clara: Washington xa non está para garantir incondicionalmente a defensa atlantista e europea. Esta era a idea de Trump tan temida e odiada en Europa pero Biden, por quen Bruxelas apostou para reconducir a relación transatlántica, saíu incluso mais reticente para os intereses europeos.

Ante o “desprezo” de Washington, dará a UE e incluso unha OTAN “europeizada” un golpe de timón inesperado, reconducindo as súas tensas relacións co seu inimigo histórico ruso, propiciando unha especie de disuasión preventiva entre Bruxelas e Moscova? Quizáis non deberíamos menosprezar esa posibilidade de distensión nas relacións ruso-europeas como consecuencia colateral do AUSKUS.

“Ante o “desprezo” de Washington, dará a UE e incluso unha OTAN “europeizada” un golpe de timón inesperado?”

Pero o único que parece certo é que o AUSKUS veu para alterar o equilibrio estratéxico entre o Atlántico e Asia-Pacífico. É, por tanto, un fait accompli ditado pola crúa realpolitik estadounidense e unha mensaxe para Europa de que o seu lugar no mundo está desfasado.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.