Repensar a celebración do Día da Patria.

A celebración do Día da Patria Galega foi concebida como unha data para reflexionar sobre a reconstrución da identidade galega. Con ese obxectivo institucionalizaronse os mitins das arengas na praza da Quintana nos anos da II República. Os oradores reflexionaban en alta voz posibles iniciativas transformadoras valéndose da pedagoxía, unha ferramenta imprescindible para educar as mentalidades dos asistentes a tales actos.

Agora, en data tan sinalada as expresión da leguidade nos actos convocados son asi: dentro da catedral, na ofrenda ao Apóstolo, onde sempre o delegado rexo, un político, le un texto solicitandolle ao santo a intercesión para resolver problemas políoticos e sociais que só lles corresponde ás institución públicas realizar; e, fóra, na praza da Quintana, os discursos que se pronuncian son para emendarllela plana ás institucións da Xunta de Galicia. Dúas maneiras distintas de celebralos que dan que pensar.

Ao fío deste dous estilos de celebracións véñenme ao maxín moitas anécdotas reveladoras que evidencian que estas lirtuxias carecen da eficacia necesaria para alentar a galeguización da poboación. No Día da Patria estes ritos realízanse para consumo interno das organizacións e institucións convocantes.

“(…) véñenme ao maxín moitas anécdotas reveladoras que evidencian que estas lirtuxias carecen da eficacia necesaria para alentar a galeguización da poboación”

Lembro ter asistido a moitos actos de presentación de obras literarias, onde o editor, o autor da obra e a persoa encargada de facer a louva, exaltaban os valores do libro, ao tempo que lles recomendaban aos asistentes que as mercasen. En moitos destes actos as empresas editoras convidaban aos presentes a uns petiscos e un viño para seguiren mollando a palabra. A contradición era evidente: os envases dos viños estaban etiquetados en castelán. Tan canso estaba de presenciar este esperpento que unha das veces sinaleilles aos organizadores que non podían seguir cometendo tamaña torpeza. Se o libro estaba editado en lingua galega, as etiquetas dos viños tamén. Un dos editores, molesto, reprochoume que fose tan esixente, porque estaba a sacar as cousas de quicio. Estaba claro que aquel señor desentendíanse das alianzas estratéxicas.

Produce decepción e mesmo rexeitamento a conduta daquelas persoas que despois desempeñaren un cargo público, cando volven ao exercicio da súa profesión desbotan práctica do uso da lingua galega. A actual Valedora do Pobo, maxistrada excedente, por exemplo, cando volva á xudicatura ditará resolucións en lingua galega? Xa se verá. Teño as miñas dúbida fundada nos exemplos precedentes.

Os que asisten ás dúas celebracións do Día da Patria Galega, non son tan afoutos galeguistas/nacionalistas nas relacións sociais.Máis ben relaxan os ímpetus ritualizados e son incoherentes tanto en canto cidadáns e consumidores. Non practican o consumo responsable establecendo criterios de discriminación positiva para favoreceren a empresas comerciais que utilizan a lingua galega. Non facelo así, optando por marcas que marxinan a lingua galega das súas etiquetas é impedir que se galeguice a economía.

A estes galegos eu diríalles que reparen na historia do país e comproben como houbo empresarios que foron galeguistas, facendo publicidade en lingua galega, como foi o caso do “Almanaque Agrícola ZZ” editado polos Laboratorios Zeltia, en tempos difíciles, en 1952; como un científico da medicina oftalmolóxica, tal é o caso de Antón Beiras, descubridor da forma de corrixir o estrabismo no mundo, foi quen de pubicar o resultado do seu traballo en lingua galega en 1957. Ese mesmo ano, outro médico galego, Xoán Rof Carballo, autoridade na materia da medicina sicosomática, publicou o seu ensaio no noso idioma, “Mito e realidade da Terra Nai”. En 1931 o estudante de Dereito, Fermin Bouza Brey realizou o primeiro exáme académico en lingua galego na historia da USC. O exemplo de moitos empresarios galeguizando os seus negocios e marcas, son actitudes para a reflexión nesta data.

Hai que pasar dos discursos retóricos aos que son transformadores. Só así poderemos converter a cada cidadán, cargo público ou militante político nun activo dinamizador da galeguización. Os ritos sen intencións transformadoras son representacións teatrais que nada aportan ao obxectivo de galeguizar Galicia.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.