Reclaman medidas de emerxencia para garantir o abastecemento ás panadarías

Así o fixeron Fegapan e Afapan

Lugo | A Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo (AFAPAN), xunto coa Federación Galega de Fabricantes de Pan (FEGAPAN), reclaman a inmediata posta en marcha de medidas de emerxencia para garantir o abastecemento de materias primas ás panadarías.

Estas asociacións empresariais do pan sinalan “xa hai un forte desabastecemento de carnes de todo tipo, o que dificulta a elaboración de empanadas, ou de aceite de xirasol, pero a cada vez máis perentoria falta de provisión de fariña pode determinar o desabastecemento dun produto básico, o pan, á poboación”.

O colectivo é moi pesimista: “de continuar así a situación dos almacéns” -subliñan- “a maioría das panadarías terán que pechar nos próximos días”.

“Urxe” – sinalan desde estas asociación – “que se garanta a entrada de fluxos de fariña e reclaman medidas para que cheguen a almacénelos camións coa necesaria materia prima”. Destacan que nestes intres moitos establecementos están a sobrevivir “con movementos para o microabastecemento”, pero que esta estratexia “non é sustentable nin viable no tempo”.

Fabricación de pan é un sector que xa estaba a sufrir unha forte redución de marxes e unha situación de crise progresiva a raíz do incremento de custos, fundamentalmente pola subida da enerxía eléctrica e os cereais, que se viu agravada, primeiro, coa guerra en Ucraína e, agora, co paro do transporte.

Os panadeiros subliñan que as perdas económicas para os seus establecementos van ser xa irrecuperables e piden responsabilidade a todas as partes.