Ratificado irmanamento entre A Guarda e Póvoa de Varzim

Este 24 de setembro a través dun pleno extraordinario

A Guarda | O Concello da Guarda e a Câmara Municipal de Póvoa de Varzim en Portugal ratificaron este 24 de setembro o seu irmanamento iniciado en xuño pasado entre ámbalas dúas vilas mariñeiras, coa creación dunha Comisión integrada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, un representante de cada un dos grupos municipais e o representante da asociación O Piueiro, Tomás Núñez González.

O acto protocolario de irmanamento na cidade portuguesa celebrouse o pasado 29 de xuño de 2022, coincidindo coa festa de San Pedro, patrono da Póvoa, procedendo tamén á sinatura da “Minuta de Acordo de Germinaçao”. Con motivo desta celebración o volanteiro Piueiro e a súa tripulación navegaron ata a Povoa, coa idea de estreitar lazos coa lancha do alto “Fe em Deus” e a súa tripulación, participar no irmanamento e simbolizar a unión das comunidades pesqueiras tradicionais da Guarda e da Póvoa de Varzim.

O 23 de setembro, a lancha do alto “Fe em Deus” e a súa tripulación, así coma unha comitiva municipal de Povoa de Varzim trasladouse ata A Guarda para participar na Romaría de Santa Trega.

Un día despois, o 24 de setembro celebrouse un pleno extraordinario no que se ratificou o irmanamento entre as dúas cidades, un acto que contou coas intervencións do Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira, dun representante da Asociación Piueiro e do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

A relevancia deste Irmanamento, entre dous pobos cunha intensa relación ao longo dos tempos, permitirá estreitar estes lazos, incrementar as relacións culturais, fomentar un turismo mutuo entre os cidadáns de ambas entidades e posibilitará un intercambio de experiencias e de coñecementos entre os responsables da xestión municipal coa finalidade de propiciar o intercambio de iniciativas e de mellora en materia dos servizos á cidadanía.

Exposición “Galiza Profunda” na Guarda
A Casa dos Alonso da Guarda inaugurou este 1 de outubro a exposición “Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas”, coa participación da comisionaría da exposición, Vanesa Iglesias Casal. A exposición é organizada por Acontravento e o Concello da Guarda e conta coa participación de 14 artistas.

Esta mostra pretende, dende a conciencia e visión crítica das artistas escollidas, facer unha dignificación do rural galego fronte a unha visión clasista, reaccionaria, costumista e ata denigrante que xerou co tempo un “autodio” cara o mesmo, e por conseguinte, cara a toda cultura galega. Pois Galiza non se pode nunca desligar da súa ruralidade como país.

Así, presenta unha realidade complexa de Galiza para entender e comprender o noso pasado e reivindicar así a nosa orixe tantas veces maltratada e infravalorada.