“Quixen reflectir unha familia afectada por moitas migracións”

Xesús Fraga | Escritor e Premio Nacional de Narrativa 2021
O escritor Xesús Fraga narra na súa novela “Virtudes (e misterios)” unha epopeia familiar que comeza nos sesenta e que marcou profundamente a vida de tres xeracións

A emigración dunha muller a Londres para sacar adiante tres fillas e unha nai recén viúva, todo despois da desaparición do marido en terras venezolanas. Unha epopeia familiar que comeza nos sesenta e que marcou profundamente a vida de tres xeracións. Estas son as premisas de Virtudes (e misterios) novela de Xesús Fraga (Londres, 1971) que recibiu o Premio Nacional de Narrativa 2021. Un documento necesario para entender a emigración da segunda metade do século XX e o choque cultural na Galicia do franquismo e da Europa tecnoloxicamente máis avanzada.

“Certo que a miña avoa foi un piar para a miña familia”

Realmente a figura da túa avoa foi un piar básico para todos vós. Como se pode traducir literariamente unha vida de emigración como foi a da túa familia?
Certo que a miña avoa foi un piar para a miña familia, mais cando es pequeno e medras con esas circunstancias case que o dás por feito, forma parte da túa vida e non o cuestionas. Logo cando vas medrando e madurando comezas a ter máis información e outro punto de vista. Así podes dimensionar en todo o seu valor aquilo que fixo ela por todos nós. A idea era tirar da miña memoria, dos recordos acumulados sobre ela, porque a pesar de vivir no Reino Unido viña unha ou dúas veces por ano e logo eu pasaba con ela pequenas tempadas en Londres. Así, a través dos recordos fun reconstruído a miña memoria ademais doutros factores como eran as fillas e outros parentes. Así é como emerxe ese retrato.

Hai algo moi curioso que son os retratos ou fotografías inseridos no texto. Pensaches en que colocar estas imaxes podería ser algo arriscado dentro dunha novela?
Tiña un risco, claro, a fotografía ten unha carga de veracidade moi potente mais tamén pode inducirnos a levar as nosas conclusións a terreos máis arriscados. Son consciente que a fotografía é un momento conxelado no tempo, que podemos tomala como representativa dunhas persoas e duns feitos ou actitudes mais logo a realidade é máis matizable. Dito isto, pensaba que era un risco que pagaba a pena correr. Por exemplo, co meu avó, con quen eu non tiña ese vínculo tan directo da memoria e con quen todo eran conxecturas e os misterios citados no título do libro. Con el pagaba a pena botar man dese testemuño fotográfico que me permitía afrontar a súa fisonomía e as memorias que me contaban outras persoas. Son consciente de que achegaba máis información e tamén era subsceptible dunha interpretación que formaba parte dese discurso do libro, ir pescudando o significado da súa emigración para varias xeracións da nosa familia.

Buscabas quitarlle tamén parte ou toda a mística que lle puxeron arredor á emigración en Galicia?
Castelao xa o fixo antes que nós e moito mellor. Por unha parte está o cadro do indiano que volveu e a quen lle foi ben e logo está o cadro dun moribundo que está coa nai dicíndolle: “miña nai, non quería morrer só aló”, o caso de alguén que morreu pobre. Son dúas partes dun mesmo fenómeno que tamén se poden dar nunha mesma persoa. Eu buscaba era avaliar o impacto dunha maneira máis intimista ou domésctico, como a emigración acaban por condicionar os factores da vida. As ausencias, o tránsito de ideas, de proxectos e sobre todo o impacto social. Familias separadas, fillas que medran sen pais, netos que pertencen unha nova xeración migratoria e viven a cabalo entre dúas culturas. Ese era o retrato que quixen reflectir, unha familia extensa afectada por moitas migracións diferentes.

Como vivías a capacidade de adaptación da túa avoa para falar un idioma novo nunha sociedade distinta?
Era unha capacidade de supervivencia e adaptación tremenda, digna de estudo. Ela emigra a comezos dos 60 a Londres, que era unha das capitais do mundo. Aquí o franquismo estaba ben asentado. Ela nunca estivera nunha grande cidade, só coñecía Coruña e Vigo e esta última para coller o barco. Así pois temos o impacto que lle producía estar nunha grande cidade da que non coñecía o idioma e tampouco sabía como funcionaba a sociedade, os cartos nin os códigos, mais logo se foi afacendo para sacar adiante a súa familia. Aí intervén o seu ollo para encontrar traballos, lugares onde ela podía mercar aquilo que podía ser útil para a familia, a liña de solidariedade entre os emigrantes galegos e tamén con xente doutros países. Iso de como unha persoa chega a unha cidade enorme e encontra o seu espazo e entenden as súas dinámicas é algo que me parece digno de describir e sobre todo polos lazos emocionais coa túa avoa.

“Era unha capacidade de supervivencia e adaptación tremenda, digna de estudo”

As novas xeracións de emigrantes teñen ese xeito de adaptación como o tiña a túa avoa ou outros emigrantes daqueles tempos?
Creo que tamén contan as capacidades persoais. Ela tiña unha personalidade moi forte, unha determinación e capacidade de sacrificio e traballo que a singularizaban dentro do seu tempo como cos emigrantes de agora. É certo que o país cambiou a sociedade é diferente e xa non hai esa necesidade tan extrema e extendida como había antes. O feito era que vivía de aluguer, tiña tres fillas e logo coidar da nai cando o pai morre aínda moi novo. A día de hoxe non hai tantas circunstancias tan dramáticas, aínda que si son importantes e non se deben minusvalorar pois demostra que aquí non se dan as condicións idóneas para levar adiante a vida desexada, un porque quere investigar, por mellorar as súas condicións laborais ou ao mellor por prexuízos que pesabamos xa superados e ao mellor non o están tanto. Iso fai que haxa persoas buscando a vida noutro lugar. Son tempos e circunstancias moi distintos e por iso non son moi equiparables para facer unha comparación.

Que che dicían cando chegabas con discos de vinilo de grupos que aquí case nin se coñecían?
Discutía moito coa miña avoa porque ela quería traer cousas mercadas durante todo o ano e eu quería levar os discos de vinilo que ocupaban e pesaban abondo. Ela ía moito aos mercados en Londres onde identificara sitios con prezos asequibles. Logo eu coñecía unha cadea de tendas con discos de segunda man que, daquela había cinco ou seis e agora só dúas. Así pasaba horas para dar conta de xoias por prezos moi baratos. Logo aos meus amigos lles gravaba cancións e así había un grande intercambio de música. Tamén había amigos que vivían no Reino Unido que cando viñan para aquí lles pediamos cintas para grabar, ademais eu tiña un walkman con radio e grabadora e adoitaba grabar cintas para descubrir outros grupos e outros estilos que me puidesen interesar.

“Foi un proceso longo e complicado que me levou entre dez e doce anos escribila”

Como foron os primeiros pasos para escribir esta novela?
Foi un proceso longo e complicado que me levou entre dez e doce anos escribila. A idea xa a estaba remoendo desde antes. Houbo un período onde estivera decidindo o modelo narrativo, podía coller a vida dos meus avós, cambiarlles os nomes e construir personaxes literarias. Finalmente rexeitei esa idea porque ambos os dous tiñan suficiente forza como para representalos sen esa máscara da ficción. Aí estiven dándolle voltas para dar co modelo que ao final foi un modelo moi memorialístico no que eu estaba apoiado nas miñas memorias, da familia e doutras persoas, tendo en conta que ás veces a memoria ten moita imaxinación porque a imaxe memorialística co tempo vaise afastando dos feitos orixinais.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.