Quen é o señor Feijóo?

Por Xosé-Bieito Coello Coello

O señor Feijóo ten unha imaxe de moderado, dialogante e amable que transmiten moitos medios de comunicación e que non se corresponde en absoluto coa realidade.

Por exemplo, na campaña que levou a cabo para desbancar o goberno PSOE-BNG da Xunta, utilizou todos os bulos e insultos máis agresivos vistos na historia democrática de Galicia, poderían citarse moitos, pero dous exemplos son dabondo, nesa campaña electoral difamaou o vicepresidente da Xunta, acusándoo falsamente de malos tratos á súa parella, ou utilizou unha foto, tomada cinco anos antes, na que aquel vicepresidente aparecía cun empresario nun iate, cando ese empresario non ten nen tiña absolutamente ningún problema coa xustiza, ó contrario do que aconteceu nas vacacións do Sr. Feijóo en iates e na neve co señor Dorado, condeado por contrabandista antes daquelas vacacións, e aínda hoxe encadeado por narcotraficante, o que amosa un cinismo pouco común e que debería significar a súa inmediata dimisión.

Tampouco era unha persoa que falara ou fora amable coa oposición, porque en tódolos anos que estivo presidente non tivo nin unha soa reunión directa cos responsables da oposición, mesmo fixo bo ao señor Fraga, quen, por exemplo , tivo máis dunha comida de traballo co señor Beiras.

Mais o peor foi a súa nefasta xestión á fronte da Xunta de Galicia, no seu mandato, Galicia perdeu a práctica totalidade das entidades financeiras galegas: Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixa Vigo, Banco Gallego e Banco Etcheverría. Pódese dicir que isto ocorreu con outras entidades, pero Cataluña, Euskadi e mesmo Andalucía, mantiveron entidades financeiras propias.

Coa industria máis do mesmo, Pescanova, -industria pioneira mundial do mar-, pasou a mans foráneas, ao igual que: R, referente en comunicacións, Ingapan, empresa líder na fabricación de pan, SYC, responsable de ITV en Galicia, etc.

“Mais o peor foi a súa nefasta xestión á fronte da Xunta de Galicia”

Pecháronse Endesa nas Pontes e Naturgy en Cerceda, sen, polo momento, compensación industrial, tamén Alcoa na Coruña, e en Xove esta empresa está a ter moitos problemas, o estaleiro de Barreras foi vendido a PEMEX a cambio da construción de buques que nunca se construíron, tamén se pecharon Isidro de la Cal, Poligal, Vestas, Gamesa, etc., coincidindo curiosamente estes dous últimos coa adxudicación de parques eólicos en Galicia. A culpa do peche de empresas como Endesa ou Naturgy tamén é doutros responsables, pero de que serve entón a consellería de industria con amplas competencias?

Co seu goberno non se conseguiu nin un soa transfencia a Galicia das sinaladas no estatuto, e o paro estivo sempre por enriba da media estatal, a pesar de estar maquillado coa emigración de moitos mozos, que despois de ter unha boa formación non teñen oportunidades en Galicia e coincidindo cunha gran perda de poboación. Durante o seu mandato aumentou o abandono de pobos enteiros no rural, e de casas deshabitadas en vilas e cidades. Galiza tendo enormes recursos no mar, na minería, na agricultura, etc., non se entende que en moitas comarcas esten peor que na que se chama España baleirada.
Non realizou en Galicia un plan de ordenación do territorio que estableza unhas normas para que se puidese aproveitar moito mellor a agricultura, a gandería e a silvicultura, favorecendo o monocultivo do eucalipto. E a política de loita contra os lumes foi un desastre, moito gasto en apagalos e moi pouco en prevención ou noutras medidas para ese fin.

E para rematar, -poderíase seguir, destacando aspectos negros como a corrupción ou o a baixada de calidade da sanidade pública, etc-, nin sequera defendeu o noso patrimonio máis importante: a lingua galega. Modificou a Lei de Normalización Lingüística, acordada por tódolos partidos na época do señor Fraga, para que, por exemplo, en moitas escolas infantís non se utilice o galego, ou non se poidan cursar no noso idioma materias como matemáticas ou ciencias.

Preguntaranse como, aínda así, gañou as eleccións en Galicia por maioría absoluta? A resposta é que en Galicia o PP aínda ten unha enorme estrutura caciquil debido a que en moitos lugares non houbo unha verdadeira transición democrática, hai alcaldes do PP no rural da época franquista, e institucións como a Deputación de Ourense onde dende sempre gobernou a dereita, e tamén a Igrexa, o poder xudicial e a maioría dos colexios profesionais, son moi conservadores.

Por outra banda, contribuíu a excesiva división dos partidos progresistas e de esquerdas e, sobre todo, a acción partidista da maioría dos medios de comunicación privados, que reciben fortes subvencións da Xunta e dunha RTVG pública onde non hai información veraz, como denuncian continuamente os seus profesionais.