Que Galicia xestione as infraestruturas todas.

O Estado español é unha catástrofe en termos de xestión das infraestruturas viarias galegas. Catástrofe acelerada desde que no Estado non haxa xa quen lle escreba. No Goberno do Estado en Madrid, dende hai un lote de anos, hai só altos cargos e subdirectores xerais. Nada de ordenadores, elementos ofimáticos nin persoas técnicas. Só xerentes de empresas amigas no horizonte.

Velaí a grave inconveniencia de que infraestruturas fulcrais para este País como as autoestradas estatais AP-9 e AP-53 e as estradas estatais todas no seu percurso por Galicia (N-541 entre Ourense e Pontevedra, a N-120 dende Valdeorras a Vigo ou a N-VI entre Pedrafita e A Coruña, entre bastantes outras) sigan a ser xestionadas pola incompetencia do Ministerio estatal de Fomento.

As Deputacións forais e máis o Goberno basco decatáronse desta gravísima eiva estatal e xa acadaron hai tempo a transferencia das vías estatais nos treitos que decorren polo seu territorio, como en parte acadou tamén a Generalitat de Catalunya.

A incompetencia dos medios e servizos estatais canto ás estradas estatais fica ben nidia diante do desastre da N-541 ou o bloqueo á mobilidade da Coruña dunha N-VI a mantenta inoperante dende Perillo-Oleiros durante 20 anos.

Nos ferrocarrís constatamos a necesidade de nos transferir as liñas Ferrol-Ribadeo, Lugo-Ourense, Ferrol A Coruña e A Coruña-Ourense, A Coruña-Vigo e Vigo-Ourense para podermos planificar a xeito a rede ferroviaria propia deste País e, no seu caso, o tren de proximidade que o Estado español ns negou durante 60 anos.

“O Estado español, entón, non é confiábel para xestionar os nosos camiños de ferro”

Malia todo, é evidente que a transferencia non poderá ser efectiva se non se nos achegan os medios económicos precisos para xestionar esta rede, que a España administrativa mantén na máis dolosa inacción. O Estado español, entón, non é confiábel para xestionar os nosos camiños de ferro.

Precisamos tamén do inmediato traspaso dos nosos tres aeroportos de interese xeral (Albedro-A Coruña, Compostela-Rosalía de Castro e Vigo-Peinador) e dos portos de interese xeral da Coruña, Ferrol, Marín, Vilagarcia e Vigo para nos desenvolver e sermos competitivos.

A actual xestión aeroportuária de AENA e portuaria de Puertos del Estado segue a eivar o desenvolvemento destas fulcrais infraestruturas. Das resultas disto o Goberno deste país nin pode nin poderá usar destas ferramentas aeroportuarias e portuarias como pancas do desenvolvemento sostíbel da Galicia do futuro.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.