Ourense | A nova Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense celebrou a súa primeira asemblea extraordinaria para afondar no acadado nestes últimos anos de Goberno de Pedro Sánchez e analizar os retos que quedan pendentes ata final de lexislatura. “Hai sete anos que o PSOE asumiu a responsabilidade de gobernar este país. Sete anos intensos, duros, e tamén profundamente transformadores. E digan o que digan, menos mal que estaba Pedro”, incidiu a portavoz da Agrupación Municipal, María Fernández Ojea, durante a súa intervención.
Na mesma liña, a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza dos e das sociaistas de Galicia e edil no Concello de Ourense, lembrou que o presidente do Goberno atopou, á súa chega ao cargo, “un país golpeado pola desigualdade e a corrupción, coas institucións deterioradas e a confianza da cidadanía polo chan”. Mais a pesares delo, e de todas as vicisitudes que chegaron despois (como a pandemia pola Covid19, guerra de Ucraína ou unha xeopolítica internacional tremendamente convulsa), Pedro Sánchez e o PSOE ofreceron unha alternativa para conseguir mellorando a vida das persoas.
ERTE
“Este é un goberno progresista, valente e profundamente democrático. E a pesar de todo o que tivo que enfrontar, cumpríu. Cumpríu porque en cada crise se tomaron decisións coa premisa de non deixar a ninguén atrás. Ás veces pode que Ábalos non deixe que lembremos os ERTE, pero salvaron o futuro de milleiros de cidadáns e cidadás do noso país”, exemplificou facendo mención aos problemas do último lustro.
Pola súa banda, a secretaria de Igualdade da CEM e deputada no Congreso por Ourense, Marga Martín Rodríguez, puxo de relieve as infraestruturas rematadas na cidade, así como as que están en proceso de rematarse, durante os gobernos de Pedro Sánchez como poden ser a nova estación intermodal, o centro de control ferroviario de Galicia que se situará na antiga estación de San Francisco, a variante norte, o complexo cultural de San Francisco ou o Museo Arqueolóxico. Máis, por riba de todo, subliñou a política social que mudou o día a día da xente, posta en marcha polo Executivo progresista, que se traducíu en máis de 10.000 beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital (IMV) en Ourense, o aumento da pensión media en 266 euros, o aumento de contratos indefinidos ou os máis de 14.000 beneficiarios do Bono Social Eléctrico.
Feminismo
Ademais, a tamén secretaria primeira da Comisión de Igualdade do Congreso repasou os avances acadados no eido do feminismo, como o recente aumento dos permisos de maternidade e paternidade que suporán, dende 2026, unha ampliación a un total de 19 semanas retribuidas para cada proxenitor, con 6 semanas obrigatorias inmediatamente posteriores ao nacemento ou á adopción, 11 semanas flexibles e 2 semanas adicionais para o coidado do menor ata os 8 anos. “Somos conscientes de que queda moito por facer, pero non podemos esquecer o conseguido. Máis se cabe cunha oposición de dereita e ultradereita que só ofrece ruído, confrontación, bulos e ningunha proposta para mellorar a vida das persoas”, afirmou.
A secretaria xeral da Agrupación Municipal, Natalia González Benéitez, non puido asistir a asemblea extraordinaria por atoparse cumprindo cunha responsabilidade institucional, pero trasladou, a través da portavoz da CEM, na que destacou os últimos meses intensos nos que o PSOE estivo no centro da actualidade política por diferentes motivos. “Todos lembramos o caso Cerdán, Ábalos, as tensións internas, e tamén os ataques externos que recibimos constantemente. Pero se algo distingue aos e ás socialistas é a súa capacidade de resistir, de debater con franqueza e, sobre todo, de seguir avanzando unidos. Por iso esta asemblea non é para impor unha mensaxe, senón para escoitarvos. Quero que hoxe falemos de todo o que consideredes importante”, expuxo. Na foto María Fernández Ojea na súa intervención.