PSdeG propón que o Concello de Ourense se posicione sobre o Estado de Palestina

Lamenta que non se sumase ao minuto de silencio promovido pola FEGAMP

Ourense | O grupo municipal socialista vén de propoñer aos grupos políticos que conforman a Corporación do Concello de Ourense respaldar unha declaración institucional para “esixir o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza e no resto dos territorios palestinos, instando a todas as partes implicadas a respetar plenamente o dereito internacional humanitario e a protexer á poboación civil, con especial atención á infancia, ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables”.

A proposta sinala que o Concello de Ourense, como institución democrática “comprometida coa defensa dos dereitos humanos, a paz e a solidariedade”, debe considerar imprescindible “alzar a súa voz fronte á traxedia que se vive na Franxa de Gaza e no conxunto de Palestina”. E lembra que a poboación civil sofre desde outubro de 2023 unha violencia extrema, coa morte de miles de persoas, a destrución de fogares, escolas e infraestruturas básicas, e desprazamentos forzosos que afectan especialmente a nenos e nenas.

Ademais, o texto recorda que o Concello de Ourense debe reafirmar, como institución máis próxima á cidadanía, o seu “papel clave na sensibilización, na promoción da cultura de paz e na protección dos valores democráticos”. Así mesmo, entenden fundamental que dende a Administración local se reclame o acceso completo, seguro e sen restricións da axuda humanitaria, asegurando que alimentos, medicinas e recursos básicos cheguen a todas as persoas afectadas sen interferencias militares, e rexeitar calquera uso da asistencia como instrumento de presión ou control.

Por outro lado, coa declaración institucional perséguese reafirmar o respaldo do Concello de Ourense ao recoñecemento do Estado de Palestina, como medida esencial para avanzar cara a unha solución política xusta e duradeira baseada na coexistencia pacífica de dous Estados, así como apoiar a posición do Goberno de España en foros internacionais, en favor da paz, a xustiza internacional e o levantamento do bloqueo sobre Gaza e a imposición de sancións aos responsables de violacións dos dereitos humanos e a suspensión de calquera axuda ou comercio militar que poida contribuír á agresión.

Lamentan as e os edís socialistas que o Concello de Ourense fose o único das grandes cidades de Galicia que non se sumou ao minuto de silencio promovido pola FEGAMP o pasado venres nin se procedera á lectura do manifesto elaborado pola propia Federación Galega de Municipios.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.