PSdeG insta á Xunta pactar un “novo modelo eólico”

Demandou Martín Seco, voceiro de Medio Rural no partido socialista

Santiago de Compostela/PSdeG |  O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de instar á Xunta a “pactar un novo modelo eólico” para “corrixir as deficiencias” do sistema. Fíxoo, hoxe no Parlamento, durante a presentación dunha moción sobre a política do goberno galego en relación coas negociacións entre promotores eólicos e os propietarios dos terreos, rexeitada polo PP.

Seco instou ao goberno galego a “negociar un novo modelo eólico coa participación de todos os sectores implicados” e pór, así, solución “aos múltiples problemas de transparencia, participación, asesoramento e garantías medioambientais, xeradas polos consecutivos regulamentos do PP dende o ano 2010”.

“Abran os ollos e actúen sobre o que está a pasar no noso rural”

“Abran os ollos e actúen sobre o que está a pasar no noso rural”, aseverou o responsable socialista, quen culpou ao PP “da falla de implantación da enerxía eólica” nos últimos 12 anos. Así, lamentou que a Xunta “se agoche coma un avestruz cando é o propio rural o que lle pide axuda” e solicitan información, asesoramento ou equilibrar as negociacións.

O responsable socialista lamentou que a Xunta non defenda “os intereses do rural”, xa que “prefire pórse de costas á veciñanza”, cando a cidadanía do rural “denuncia día tras día” que “se sente desamparada ante a multitude de proxectos eólicos que xorden en todo o territorio”.

Nesta liña, propuxo ao goberno galego pór en marcha unha oficina de asesoramento técnico, administrativo e medioambiental, así como a establecer unha base pública de información dos prezos alcanzados nas negociacións entre as partes afectadas na instalación dun parque eólico.

Ademais, pediu á Xunta que corrixa o “insuficiente retorno” que teñen o fondo de compensación ambiental e o canon eólico nos concellos afectados. En canto ao eido ambiental, urxiu a “reforzar as garantías medioambientais” para “defender o noso patrimonio natural e o futuro dos nosos sectores produtivos”.

“Seco lembrou que Galicia tivo ‘un forte desenvolvemento eólico dende 1997 a 2008” debido a “un marco regulador que favoreceu a implantación de parques eólicos”

Por último, Seco lembrou que Galicia tivo “un forte desenvolvemento eólico dende 1997 a 2008” debido a “un marco regulador que favoreceu a implantación de parques eólicos”. Malia isto, lamentou que “coa entrada do goberno do PP, chegou a falla de aposta polo sector” que levou a cabo “políticas de bloqueo ás renovables” e xerou “inseguridade xurídica”.