PSdeG critica a reforma da Lei de Saúde de Galicia

Por considerala un "ataque ás liberdades públicas"

Santiago de Compostela/PSdeG |  O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de criticar a reforma da Lei de Saúde de Galicia proposta polo PP no Parlamento, xa que “é un ataque contra as liberdades” dos galegos e galegas. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, durante a aprobación do ditame da citada proposición de lei.

“Esta lei non ten sentido”, sentenciou Torrado, quen considerou que a Xunta impón “un réxime sancionador autoritario que restrinxe dereitos fundamentais e liberdades públicas”, mentres “o camufla tras unha lei de saúde”.

O responsable socialista criticou “as formas” nas que se leva a cabo a reforma desta lei, a través dunha proposición de lei do PP, “unha manobra parlamentaria de dubidosa constitucionalidade para alimentar o delirio bolivariano de Feijóo”. Así, censurou que “no fondo”, a lei nos sometería “a un estado de alarma permanente”, o que é “curioso”, xa que o propio Feijóo “non quería un estado de alarma durante a pandemia, pero o quere para dirixilo sen ela”.

“O responsable socialista criticou ‘as formas’ nas que se leva a cabo a reforma desta lei, a través dunha proposición de lei do PP, ‘unha manobra parlamentaria de dubidosa constitucionalidade para alimentar o delirio bolivariano de Feijóo”

“Unha lei coma esta que implanta un estado de alarma non é viable”, sentenciou o responsable socialista, quen lamentou que a Xunta e o PP “en público presumen dunha lei de saúde, cando en privado realmente lles gusta porque limita dereitos”.

“Sobre as vacinas hai que convencer á cidadanía, pero non podemos regular dereitos e restrinxir liberdades aproveitando épocas de incertezas, medos e desacougos”. Así, censurou que o PP queira lexislar para que un goberno ou unha autoridade sanitaria poida decidir que alguén se vacine “aínda que sigan existindo incertezas científicas”, tal e como sinala o texto lexislativo.

Nesta liña, Torrado incidiu en que “a concienciación é mellor que a obrigación”, xa que “somos eficientes como país, sen necesidade de obrigar”. Así, subliñou que “obrigar, alimenta os forofismos opostos”.

Ademais, o responsable socialista lembrou que, na actualidade, “hai ferramentas xurídicas, mesmo para situacións excepcionais, que permiten forzar unha vacinación”, de feito, subliñou que “todo o que contempla a proposición de lei para ben, xa está regulado”.

Por último, Torrado criticou que “mentres a Xunta mira a outro lado e permite que un xefe de servizo como o de Ourense diga barbaridades” á opinión pública sobre a vacinación, “botaron á xefa de servizo de Vigo” por criticar a fala de medidas de protección para os sanitarios ou “abriron un expendiente disciplinario ao xinecólogo de Verín”.