PSdeG acusa de “difamación” á cadea Cuatro polo tema do acoso

Esixe “rectificación” ante o que cualifica como unha “campaña de desinformación” por parte do programa Código 10

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O Partido Socialista de Galicia estudará todas as accións posibles fronte á campaña de difamación do programa Código 10, da cadea Cuatro.

Trátase dunha groseira campaña de desinformación nun asunto tan sensible como o acoso, no que hai moitas persoas implicadas, coa conseguinte afectación de distintos dereitos.

Faltar á verdade, transmitir falsidades sen o necesario contraste e sen a oportuna réplica non só produce desinformación, senón que atenta gravemente contra a honorabilidade de moitas persoas. Difamar non é informar.

Por todo iso, é necesario reafirmar que:

1. Xamais ningunha vítima se dirixiu á dirección do PSdeG. Xamais.

2. A dirección do PSdeG sempre recomendou denunciar cando tivo coñecemento, a través dun terceiro, por primeira vez o pasado 7 de outubro, dun presunto acoso. Mente quen diga o contrario.

3. Ata 3 persoas da dirección do partido atenderon en 4 ocasións á familiar da vítima e recomendáronlle que esta denunciase. Así mesmo, esixiron explicacións en dúas ocasións ao presunto acosador, que o negou. Todo iso sen que ningunha vítima presentase a necesaria denuncia para iniciar o proceso, tal e como recolle a lei en España. Polo tanto, é de novo falso que non se fixese nada. Fíxose todo o que se podía cando aínda non estaba presentada ningunha denuncia.

4. Cando se fixo pública 1 denuncia contra o presunto acosador na canle fronte ao acoso do PSOE, o PSdeG aplicou o Protocolo antiacoso do partido e pediu a dimisión inmediata a José Tomé. O partido volveu actuar con contundencia.

5. Polo tanto, quedou demostrado que todas as datas e feitos relatados polo Secretario Xeral de Galicia na rolda de prensa do pasado venres son veraces e quedan refrendados.

6. Por todo iso, exíxese unha rectificación ao programa e que, co obxectivo de garantir unha información veraz e contrastada, se faga eco dos datos e actuacións achegados por esta parte, para non incorrer nunha manobra de desinformación nun asunto tan sensible e con claros danos á honorabilidade de moitas persoas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.