Portugal aposta por potenciar o territorio do Miño Transfronteirizo

Así o manifestou a ministra portuguesa de Coesão, Ana Abrounhosa, na "Declaración de Pontevedra"

Pontevedra | A ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa comprometeuse hoxe “cos proxectos prioritarios” para o territorio do Miño transfronteirizo na súa visita á Deputación de Pontevedra.

A mandataria lusa visitou a institución provincial para manter un encontro de traballo no que recibiu da man da presidenta Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez –xunto a representantes da CIM Alto Minho-, un documento denominado a ‘Declaración de Pontevedra’ no que se trasladaron sete puntos “estratéxicos” para ser tratados na Cimeira Ibérica do vindeiro 4 de novembro en Viana do Castelo.

No encontro estiveron tamén presentes, ademais dos representantes provinciais, o delegado do Goberno José Manuel Miñones, a secretaria de estado da Valorización do Interior de Portugal Isabel Ferreira, os representantes da CIM Alto Minho Manoel Batista e Bruno Caldas e tamén o vicedirector do AECT Rio Minho, Rui Teixeira. Todos eles fixeron as súas contribucións sobre as propostas para o desenvolvemento transfronteirizo.

A ministra subliñou o excelente traballo que está a realizar o AECT Rio Minho e destacou a coincidencia nas prioridades amosadas polo agrupamento, que inspiraron a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza aprobada polos gobernos estatais na pasada Cimeira Ibérica. Destacou Abrounhosa que en termos empresariais, de cultura, de protección civil, na área social “temos toda a vantaxe en cooperar”, por iso manifestou a importancia de traballar en conxunto para facer desaparecer a fronteira “que na pandemia xurdiu con grande ruído”.

Por todo isto, destacou que “como ministra con responsabilidade no territorio quero transmitir, presidenta Carmela, que a nosa cooperación non só unha manifestación, senón que queremos desenvolver as nosas rexións e países. Ten vostede o compromiso da ministra nos proxectos prioritarios do AECT Rio Minho. Temos estratexia, que está aliñada coa estratexia dos fondos comunitarios, temos as prioridades ben definidas, temos os recursos… Mans á obra!”, salientou a mandataria lusa, “porque gañarán as persoas, as empresas e todos aqueles que servimos á cidadanía”.

Manifestou tamén Abrounhosa o seu empeño en que os fondos POCTEP vaian dirixidos realmente aos territorios de fronteira, aceptando que as entidades receptoras poidan ser de orixes diversos, mais sempre beneficiando a rexións pegadas á raia.

Visión de futuro
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a honra que supón a visita da ministra de Coesión Territorial e da secretaria de Estado de Valorizaçao do Interior, “dúas mulleres fortes e con capacidade de decidir en Portugal”. Considerou que coa súa presencia en Pontevedra dan valor á mesa de traballo celebrada hoxe na Deputación e permiten preparar as cuestións da máxima relevancia que se van tratar no Cumio Ibérico do 4 de novembro.

“Carmela Silva confiou en que nesa ‘Cimeira Ibérica’ se avance na saída Sur de Vigo en alta velocidade”

Carmela Silva confiou en que nesa ‘Cimeira’ se avance na saída Sur de Vigo en alta velocidade. “Sabendo que hai un compromiso total dos Gobernos de España e Portugal, como presidenta da Deputación, demando que a alta velocidade una a Eurorrexión, e que esa saída Sur que reclama a provincia de Pontevedra e Vigo, co apoio da AECT, sexa unha realidade máis pronto que tarde. Estou convencida de que aquí será”. Ademais animou a ambos gobernos a definir acordos para a defensa medioambiental do río Miño, “o pai de ambos lados da fronteira”.

Carmela Silva destacou que é preciso “facer máis Europa desde este lugar do mundo, facilitando a comunicación transfronteiriza con proxectos conxuntos e co desenvolvemento dunha política industrial común”.

A presidenta provincial recalcou que a AECT Rio Minho, impulsada pola Deputación e a Comunidade Intermunicial do Alto Minho, é a que “mellor funciona” entre todas as que articulan o territorio transfronteirizo entre España e Portugal, “porque ten visión de futuro, baséase en novos valores da política e da economía, no respecto ao medio ambiente e na capacidade de construír espazos onde as persoas poidan ter garantido o dereito a unha vida de calidade”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno José Manuel Miñones agradeceu a sensibilidade da ministra Ana Abrounhosa con Galiza e o territorio. “Nesta xuntanza verase refrendada esa sensibilidade con acordos que levaremos á Cimeira”, subliñou, destacando que a cooperación e a alianza entre España e Portugal é un referente para toda Europa, facendo fincapé na excepcionalidade ibérica, no corredor de enerxía verde ou noutros asuntos a curto, medio e longo prazo como a alta velocidade.

A ‘Declaración de Pontevedra’
Durante o encontro de traballo as representantes da Deputación, AECT Rio Minho e CIM Alto Minho entregaron á ministra Abrounhosa a denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un documento asinado polas tres institucións de cooperación con sete propostas “estratéxicas” para abordar na Cimeira Ibérica.

No documento arguméntase que o territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais e que a súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.

Lembraron os perxuízos do peche das fronteiras durante a COVID e subliñaron que por ese motivo é fundamental desenvolver varias prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal. Entre elas destacaron o desenvolvemento Local e Cohesión Terrritorial no Río Miño Transfronteirizo, coa posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou a aposta por un proxecto gobal de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.

Tamén se plantexou a necesidade de fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os Portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galiza e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.

Pediuse unha aposta polo corredor atlántico ferroviario, cun apoio claro da alta velocidade Vigo-Porto cunha mellora da liña e o aumento do número de frecuencias e o aproveitamento da actual infraestrutura –mellorada- para ser explotada como tren de proximidade transfronteirizo que permita ao territorio conectar os grandes núcleos urbanos entre ambas cidades.

Tamén se falou de “facer máis Europa” integrando a cidadanía e facilitando a mobilidade transfronteiriza impulsando proxectos singulares de mobilidade local, como o da ponte peonil e ciclable entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira no que a Deputación xa ten redactado o proxecto.

A mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental dun recurso natural común como é o Río Miño.

Contribucións do Territorio do Río Miño Transfronteirizo á Cimeira Ibérica 2022
O territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais.

A súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.

Nos seus cinco pasos fronteirizos -dos 64 existentes – asume máis do 50% total do fluxo de vehículos, ten activas unhas 13.000 persoas traballadoras transfronteirizas, conta con tres eurocidades e outros eixos urbanos con dinámicas de cooperación informais, e dispón do único río internacional declarado área da rede Natura 2000, ademais dun patrimonio material e inmaterial conxunto recoñecido de xeito internacional.

Os seus obxectivos de futuro están incluídos nunha planificación estratéxica (Estratexia Río Miño 2030) na que participaron 500 entidades.

Durante centos de anos após de que os Estados fixaran as fronteiras, os territorios fronteirizos tiveron un perxuízo de desenvolvemento económico polo efecto fronteira e a imposibilidade e/ou dificultade de relacionarse socioeconomicamente.

Coa pandemia do COVID, 25 anos despois da apertura das fronteiras, os Estados decidiron un peche que tivo un dobre impacto económico no territorio.

Por isto, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e o AECT Rio Minho solicitan aos estados español e portugués o seu apoio específico tendo unha ollada integral para este territorio coas seguintes prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal:

1. Desenvolvemento Local e Cohesión Terrritorial no Río Miño Transfronteirizo. Valoración e debate sobre a importancia da fronteira internacional do río Miño pola súa situación xeoestratexia e pola súa característica de fronteira máis transitada e con maior potencial de dinamismo socioeconómico. Análise da posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou da aposta por un proxecto gobal de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.

2. Conectividade e desenvolvemento empresarial. Garantía de investimento público para mellorar a conectividade e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os Portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galiza e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.