Por qué nos representan impresentables.

Hoxe, sometidos a esta calor insoportable non está demais que falemos dos insoportables representantes que nos representan nas distintas instancias que conforman o tecido político-institucional: Concellos, Deputacións, Parlamentos, etc.

Como aínda sendo un tema que puidera parecer atractivo non deixa de ser algo complicado; non imos ser nós, coa nosa colleita persoal, quen lles ofrezamos unhas cantas razóns desta sinrazón. Botamos man dun artigo amplo que nos ofrecen Francisco Merino Pacheco e Martín Alonso Zarza na revista mensal EL VIEJO TOPO que teño “a manía” de mercar cada mes dende fai xa uns cantos anos. A tódolos que sintan a necesidade de beber en fontes diversas e coas augas sempre cristalinas anímoos a que fagan o mesmo.

Pero, como din os do Baixo Miño, imos-lá:

Desapareceu do radar a pregunta de por qué se deixaron embaucar os alemáns cando ao cumprirse 80 anos da liberación de Auschwitz se confirmaron os prognósticos que auguraban uns resultados abultados a un partido cuxa líder, Alice Weidel, declarou sen pestanexar que Hitler era comunista. Tempo atrás foi Mario Vargas Llosa quen aseguraba que “o importante dunhas eleccións non é que haxa liberdade, senón votar ben”. Acostuman votar mal “os países que non están convencidos da razón de ser demócrata da súa sociedade”, aínda que non en tódolos casos, engade con certa cautela.

Pero resulta que a democracia bandeira do mundo acaba de votar a Trump, un delincuente convicto por varias causas, entre as que está impulsar un golpe de Estado.

“Por qué nos representan impresentables? Porque os votamos”

De aí a pregunta: por qué nos representan impresentables? Porque os votamos. Pero, por qué os votamos? Esa é a “nai do año” das preguntas da ciencia política que nos remite á racionalidade da conducta humana.

O psicólogo Daniel Kahneman afirma que podemos “manter unha fe inquebrantable en calquera proposición por absurda que sexa”, ao tempo que; e isto é o mais preocupante, porque ao tempo que somos cegos do obvio tamén o somos da nosa propia cegueira. Endexamais houbo carestía de argumentos para apoiar calquera doutrina na que un queira crer polas razóns que sexan. A mais extravagante crenza extrema é a pancarta portada por un xudeu nunha manifestación nazi co letreiro: “Nós fora”.

Foi Arendt quen en “Verdad y política”, afirma que “o resultado dunha constante e total substitución da verdade dos feitos polas mentiras non é que as mentiras sexan aceptadas no futuro como verdades senón que o sentido polo que nos orientamos no mundo real queda destruído”.

A desigualdade como crematorio de soños e semilleiro de descontentos
Coincidindo co Foro Económico Mundial de Davos, Oxfam publicou o seu informe de 2025 no que constata a aceleración do enriquecemento dos máis ricos. Sen embargo, o número de pobres non diminúe dende fai tres décadas: o abismo da desigualdade crece en paralelo á riqueza dos máis ricos. Foi na campaña de 1992 cando Bill Clinton prometeu acabar co “Estado do benestar” tal como o coñecemos”. Aquí comezaba co Consenso de Washington o xiro neoliberal da socialdemocracia que non resulta alleo á irrelevancia de hoxe. A desigualdade é o verdadeiro elefante na habitación.

A competencia polo estatus anima o consumo e os hábitos de consumo dos ricos, reducen o grao de satisfacción dos pobres; de modo que a insatisfacción é un coste adicional que os ricos impoñen ao resto da humanidade.

O éxito dos alquimistas do malestar está en ter externalizado á esfera pública os custos do credo liberal (austeridade, deterioro dos servicios sociais, debilitamento das institucións, depauperación e fundimento das clases medias, uberización do traballo) que produciron precariedade e inseguridade económica. Este malestar transfórmase en descontento e exasperación que resulta ser o móbil do populismo polo lado da oferta.

Pero os alquimistas controlan o cambio de agullas e desprazan a responsabilidade dos beneficiarios da desigualdade de modo que a plutocracia debilitou as institucións democráticas e impugnou o contrato social da posguerra, concebido precisamente para prevenir contra os alquimistas.

O barómetro francés da confianza política (CEVIPOF) mostra que os dous calificativos que mellor expresaban o estado de ánimo dos franceses son a desconfianza e o hartazgo, as augas revoltas onde engorda a demanda populista. Proba delo, o eslovaco Andrej Babis, que foi comunista e nestes momentos é multimillonario, creou un partido cun nome tentador: “Acción de Ciudadanos Insatisfechos”.

Os cidadáns están vendo a destrución progresiva do ascensor social e o fundimento dos soños: o soviético da fraternidade dos traballadores primeiro; o americano da salvación individual e o consumismo aspiracional despois. O discurso da emancipación desaparece. Neste crematorio de soños deslumbran os señuelos dos salvadores. Cómo, senón, explicamos o ascenso e triunfo de tiranos e de charlatáns? O equipo de L. Guiso conclúe que a inseguridade económica, inductora de medos, frustracións e desconfianzas cara á democracia é a verdadeira causa do atractivo e da demanda de políticas populistas. No argumentario do populismo non figura esa causa fundamental senón elementos dunha contrarrevolución cultural (inmigración, gran reemplazo, wokismo, antielitismo…).

O “non nos representan” cambiou de bando. De modo que se produciu unha desconexión causal entre os motivos do populismo no lado da oferta, que son fundamentalmente económicos, e os motivos do populismo no lado da demanda que son sobretodo culturais.

“O ‘non nos representan’ cambiou de bando”

Se a desigualdade é o elefante na habitación, o cambio de agullas atribucional é o gorila na cancha. Os creadores de marcos autorreferenciais (eles-nós) teñen o poder de establecer a realidade percibida e convertir os conflictos distributivos en contenciosos culturais.

É pouco probable que un votante populista beba nas fontes citadas: unha das ventaxas do populismo é que nos aforra cun par de tuits e un emoticono páxinas de datos e argumentos. Pero nen siquera prestará atención ás declaracións nas que os interesados enseñan as súas cartas, como fixo Warren Buffet en 2005: “Hai guerra de clases, de acordo. Pero é a miña clase, a clase rica, a que está facendo a guerra e estamos gañando”. Gañaron a guerra porque lle votaron os que a perderon. É a gran paradoxa. Unha paradoxa que ten un pe invisible na ribeira da desigualdade e o outro, aumentado, na ribeira cultural e un leitmotiv que remite ao rexistro das emocións.

Para concluír, recuperar a linguaxe da esperanza. A utopía. A emancipación. Unha tarefa indispensable e previa é recompoñer o espazo dunha economía convertida en inimiga do benestar colectivo, noutro no que sexa un medio ao servizo da política. Seguidamente restaurar a dignidade e a lexitimidade da política na súa dobre vertente: por un lado, esixindo aos partidos políticos e institucións conductas á altura das súas responsabilidades; por outro, asumindo as responsabilidades propias dende a premisa de que os deberes son parte inherente da condición de cidadán como o son os dereitos. Non estamos no mundo para o noso beneficio persoal.

Tan nefasto é o populismo como o nihilismo. Como afirma Arendt, hai que combatir por igual a falsa esperanza e a falsa desesperación para afrontar o que lle chamou a escuridade da nosa era. Contra o nihilismo da desesperanza o futuro non está escrito. Non é inevitable que nos representen os impresentables.

Que así sexa.

Páseno ben e teñan coidado coas as calores deste verán tolo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.