“Ponte…nas ondas!”, premio Rosalía de Castro da Lingua

Outorgado pola Deputación da Coruña na categoría B como entidade de promoción da lingua galega

A Coruña | O xurado do prestixioso Premio Rosalía de Castro de Lingua, decidiu nesta XVI edición, que o recoñecemento na categoría B (a destinada a entidades que destaquen na promoción da lingua galega), é nesta ocasión para a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, que gaña o premio, segundo a resolución, “por constituír unha iniciativa educativa e cultural pioneira que leva promovendo, dende 1995, o uso da lingua galega en contextos reais, creativos e interxeracionais”.

“Ponte… nas ondas!, foi recoñecida na categoría para entidades. Foron tamén premiados o filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato, na categoría para persoas; e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques, galardoados ‘ex aequo’ na categoría das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade.

O xurado, presidido pola deputada Sol Agra e formado por Pilar García Negro, Mariló Candedo Gunturiz e Arcadio González Nóvoa, salientou o labor dos galardoados na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico galego.

“A través dunha metodoloxía participativa e transfronteiriza, o proxecto consolidouse como unha ferramenta eficaz na valorización, normalización e proxección internacional da lingua galega. Esta metodoloxía foi avalada e recoñecida pola UNESCO como un modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. O proxecto integra o galego como lingua vehicular en actividades comunicativas nos centros escolares (radio escolar, podcast, vídeos, certames…), favorecendo a súa aprendizaxe funcional e o seu uso espontáneo entre o alumnado”.

O comité avaliador tamén destacou que “todas as actividades e proxectos que desenvolve Ponte…nas ondas! son de carácter transfronteirizo e están abertos á participación de centros educativos e entidades da lusofonía”.

O xurado, presidido pola deputada de Lingua, Soledad Agra, tivo como vocais os gañadores da pasada edición: a escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro; a pedagoga Mariló Candedo Gunturiz, en representación de Nova Escola Galega, e o profesor e músico Arcadio González Nóvoa, do proxecto Aquí tamén se fala. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.