Ponte…nas Ondas! entre os galardonados nos XVI Premios Rosalía de Castro de Lingua

Convocados pola Deputación da Coruña e na que tamén foron premiados Xosé Ramón Freixeiro Mato e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques

Deputación da Coruña | A Deputación fixo entrega esta tarde do XVI Premio Rosalía de Castro, convocado pola área de lingua da entidade provincial para recoñecer iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa promoción e dignificación da lingua galega. Xosé Ramón Freixeiro Mato; Ponte nas ondas! e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques foron os premiados, que recolleron os galardóns da man da deputada de lingua, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa actuación musical de Faia.

A deputada salientou o traballo de todas as propostas premiadas, que “son parte, orgullo, manteñen o facho aceso, non se renden ás estatísticas nin ao pesimismo, e pertencen aos miles de persoas que son conscientes da importancia que ten actuar cando todo se pon en pon en contra”. “E para iso”, engadiu, “naceron estes premios, para visibilizar, para dar a coñecer, para apoiar tamén economicamente, porque todo é pouco para gratificar o traballo que facedes pola nosa cultura e identidade, e ese é o noso compromiso mentres formemos parte desta institución que non pode lexislar”.

Sol Agra agradeceu o traballo dos premiados e premiadas, afirmando que é “un orgullo premiarvos, porque vos sodes un premio para todas as persoas que amamos a nosa lingua. O voso traballo énchenos de esperanza e de gratitude; porque o voso esforzo, a vosa dedicación, a vosa defensa do noso ben máis prezado como nación, é para nós unha referencia, motivo de alegría e celebración”. Posteriormente fixo entrega dos galardóns, unha obra orixinal de María Maquieira inspirada na fotografía de Rosalía de Castro realizada por María Cardarelly. As láminas levan o seu certificado de autenticidade pola volta e foron enmarcadas pola Asociación de apoio a persoas con problemas de saúde Mental A Creba.

O xurado, composto polas persoas premiadas o ano anterior, Pilar García Negro; Arcadio González, do Aquí tamén se fala e Mariló Candedo, da Nova Escola Galega e a técnica de normalización lingüística da Deputación Dores Sánchez, que actuou como secretaria no xurado, premiou ao filólogo e catedrático emérito Xosé Ramón Freixeiro Mato, na categoría A, para persoas; a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, na categoría B, para entidades, e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques, galardoados ‘ex aequo’ na categoría C, a das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, que reciben un premio de 5.000€ nun certame ao que concorreron 32 candidaturas.

VIII edición de “Imaxes do Patrimonio”
Preto de medio milleiro de fotografías antigas e varias decenas de pódcast foron recibidos e admitidos no certame, tras o peche do prazo a finais de xuño, para a 8.ª edición do Certame “Imaxes do Patrimonio”, promovido por Ponche… nas Ondas! Escolas de Barcelos, O Porto, Monção ou Póvoa de Varzim (Portugal), así como de Ponteceso, Ferrol, Negreira, Ordes, Foz, Mos, Santiago de Compostela, Vigo ou Noia (Galicia), entre moitas outras localidades, enviaron traballos realizados en clase sobre o patrimonio inmaterial.

A proposta é simple: recuperar fotos antigas gardadas polas familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe. Un concurso de fotografías antigas para realizar en familia, que permite aos mozos coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural, documentado nestas imaxes familiares.

As imaxes dos álbums familiares conteñen manifestacións e vivencias que, ás veces, son descoñecidas para o alumnado. É fundamental que os máis novos coñezan o seu pasado recente e saiban interpretalo. Neste proceso, é esencial a implicación da familia para axudar a comprender os contextos culturais das imaxes. Desde a cuarta edición, os alumnos tamén poden producir pódcast sobre as imaxes. Trátase dunha forma adicional de participación, na que poden entrevistar a familiares, veciños etc., sobre as fotografías e o seu contexto. Exemplos de imaxes premiadas (edición anterior):

– Un alambique ambulante polas terras de Amandi

– A primeira fábrica de refrescos do concello de Laza a comezos do século XIX

– Unha imaxe da vendima

– Un tatarabuelo pescador en terras do Barbanza

– Un concurso de vestidos para bonecas nos anos 50.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.