
Ponteareas | O alcalde en funcións do Concello de Ponteareas, Juan Carlos González Carrera, xunto co concelleiro de Deportes, fixeron entrega hoxe aos clubs de fútbol do municipio de dispositivos médicos portátiles DESA (Desfibrilador Externo Semiautomático), equipamentos deseñados para actuar de forma inmediata ante unha parada cardíaca repentina e que poden resultar determinantes para salvar vidas.
Con esta iniciativa, o Concello continúa reforzando o seu compromiso coa seguridade e a saúde da cidadanía, ampliando os recursos de primeira intervención dispoñibles nos espazos deportivos onde se desenvolve unha intensa actividade física.
Na actualidade, o Concello de Ponteareas conta con 18 desfibriladores DESA distribuídos en distintos edificios e espazos públicos, entre eles centros escolares, pavillóns deportivos, a praza de abastos, a piscina municipal, a Casa do Concello, así como nas sedes de bombeiros, Policía Local e Protección Civil.
Ademais da instalación destes dispositivos, o Concello impulsa cada ano cursos de formación e reciclaxe no uso dos DESA coa colaboración dos bombeiros e TesGalicia, dirixidos tanto á comunidade educativa como á cidadanía en xeral. Esta formación resulta fundamental para garantir que, no caso de emerxencia, as persoas presentes saiban identificar unha parada cardíaca e actuar con rapidez e eficacia ata a chegada dos servizos sanitarios.
Durante o acto, o alcalde en funcións destacou que “contar con desfibriladores en espazos públicos aumenta significativamente as posibilidades de supervivencia ante unha parada cardíaca, especialmente cando a intervención se produce nos primeiros minutos”.
González Carrera tamén adiantou que o Concello continuará ampliando esta rede de cardioprotección e que nos próximos meses se procederá a dotar tamén as casas e centros culturais do municipio destes dispositivos de primeira intervención.
Desde o goberno local sublíñase que a combinación de equipamentos accesibles e formación continua é clave para construír un municipio máis seguro e preparado para responder ante emerxencias sanitarias.




