Ponteareas recibe o premio de Excelencia en Saúde Pública Local

Polo seu proxecto Health4Kids no marco da IV Xornada Galega de Saúde Pública

Ponteareas | O Concello de Ponteareas foi recoñecido co Premio Faro á Excelencia en Saúde Pública Local polo seu proxecto Health4Kids, uns galardóns que na súa primeira edición distinguiron o traballo de 14 colectivos e institucións comprometidos coa construción dun sistema de saúde pública máis forte, innovador e preparado para os retos do futuro.

A concelleira Raquel Plana foi a encargada de recoller o premio da man de Sofía López, directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, nun acto celebrado no marco da clausura da IV Xornada Galega de Saúde Pública, onde se fixo entrega destes recoñecementos.

Durante o evento, o conselleiro destacou que os Premios Faro son unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade co obxectivo de recoñecer o traballo de todas aquelas persoas, colectivos e institucións que contribúen de maneira decisiva á prevención de enfermidades, á promoción de hábitos de vida saudables, á protección da saúde e á mellora da calidade de vida da cidadanía.

Os galardóns distinguen propostas diferentes pero que comparten unha mesma visión: que a saúde comeza a construírse moito antes de chegar ao hospital, nas escolas, nos barrios e tamén a través das políticas públicas. Neste contexto, o Concello de Ponteareas foi premiado por liderar un proxecto europeo centrado na prevención da obesidade infantil, unha iniciativa que aposta pola educación, a promoción de hábitos saudables e a implicación da comunidade para mellorar a saúde da poboación máis nova.

Os Premios Faro tamén recoñeceron outras iniciativas que miran directamente ao futuro da saúde pública en Galicia, como o uso da intelixencia artificial no Rexistro Galego de Tumores, programas pioneiros de detección precoz do cancro de pulmón, artigos de investigación que sitúan a Galicia no mapa internacional ou traxectorias profesionais destacadas. Ademais, tamén se puxo en valor o traballo colectivo de profesionais sanitarios, así como iniciativas de sensibilización dirixidas á mocidade para previr as infeccións de transmisión sexual.

Con estes recoñecementos, Galicia reafírmase como un referente en saúde pública, impulsando políticas e proxectos que apostan pola prevención, a innovación e o benestar da cidadanía.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.