
Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de convocar a Mesa Sociosanitaria co obxectivo de dar continuidade á campaña “Detecta e Actúa”, deseñada en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Universidade de Vigo, unha iniciativa centrada na prevención e detección da violencia de xénero entre a poboación máis nova.
Na xuntanza participaron a alcaldesa Nava Castro, a concelleira de Benestar Social; Raquel Plana; o concelleiro de Ensino, Ricardo González, a comunidade educativa dos centro públicos e concertados, tamén do conservatorio municipal e as educadoras sociais do Programa de Emerxencia Social e Inclusión, financiado polo Fondo Social Europeo, co fin de avaliar a situación actual da infancia e da mocidade en materia de violencia de xénero. O encontro serviu para realizar un diagnóstico da realidade local e definir liñas estratéxicas de actuación que permitan avanzar de maneira decidida cara á erradicación desta lacra social.
Como resultado do traballo desenvolvido, o Concello de Ponteareas redactará un protocolo específico de actuación para infancia e mocidade, dirixido tanto a vítimas como a testemuñas de situacións de violencia, que será presentado á comunidade educativa como primeiro paso dun plan de acción máis amplo. “Imos elaborar en colaboración cos propios centros educativos un protocolo dirixido á infancia é as mozas e mozos para poder dar resposta a todas aquelas situacións susceptibles de ser revisadas que se detectaron nos centros e que poidan ser derivadas ao profesional máis adecuado”.
Escola de Nais e Pais
Así mesmo, o Concello abrirá a toda a comunidade educativa a Escola de Nais e Pais, creada no marco do programa “Apóiame educando”, dirixido a familias en risco de exclusión social. O seu obxectivo será traballar directamente coas familias para mellorar a convivencia e previr situacións de risco. Neste contexto, tamén se incorporará a figura da/do mediador/a familiar para a comunidade educativa, coa finalidade de detectar e abordar as problemáticas de maneira temperá e evitar conflitos de maior gravidade.
Tamén se traballará na implantación de dinámicas de detección nos centros educativos coa idea de establecer aquela máis axeitada en función do rango de idade á que vaia dirixida. Nesta liña de traballo porase en marcha programas formativos para o alumnado, seguindo o modelo xa implantado no IES Barral, unha iniciativa que promove a creación de axentes activos fronte á violencia de xénero entre a mocidade.
Neste senso, a alcaldesa Nava Castro, insiste na necesidade de apostar por actividades didácticas prácticas que analicen situacións reais nas que o alumnado poida identificar os síntomas, as actitudes prexudiciais e saiba como debe actuar en cada caso.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, destacou a importancia do traballo conxunto coa comunidade educativa e tendéulle a man para avanzar nesta loita: “A infancia e a mocidade son o presente e tamén o futuro, unha base social que debe estar formada para non prolongar esta lacra social e para non sufrir ningún tipo de agresión nin violencia, nin física nin psicolóxica”.
O primeiro paso inmediato será a redacción do protocolo específico de detección da violencia para infancia e mocidade e a súa posterior exposición á comunidade educativa, como ferramenta fundamental para a prevención, detección e intervención temperá. “O que non traballemos hoxe en prevención, atenderémolo mañá en servizos sociais, en saúde ou nos xulgados”, conclúe a edil.




