Ponteareas humaniza a contorna do centro de saúde e do complexo deportivo

Ao abeiro do programa DEPOREMSE

Ponteareas | Ponteareas pode xa desfrutar dun renovado anel urbano de equipamentos, 35.000 metros cadrados de actuación que permitiron recuperar espazos para as persoas na contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde, potenciando a mobilidade amable e a seguridade viaria.

Unhas obras de mellora que tiñan por obxectivo renovar o espazo público, mellorar a mobilidade peonil e transformar unha das portas de entrada a Ponteareas, que estaba moi degradada e visualmente desordenada.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitaron este mércores esta contorna remodelada, na que se investiron máis de 400.000 euros financiados nun 20% por fondos propios municipais e nun 80% ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) do organismo provincial. “É un claro exemplo do que se pode conseguir para a veciñanza unificando forzas e esforzos por parte de dúas administracións públicas”, salientou a rexedora.

“Esta contorna remodelada se investiron máis de 400.000 euros financiados nun 20% por fondos propios municipais e nun 80% ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) do organismo provincial”

Con esta acción de recuperación do espazo público para as persoas regulouse a mobilidade da contorna do complexo deportivo e do centro de saúde, que permitiu “gañar máis espazos para o lecer e o esparexemento e favorecer espazos de convivencia dando seguridade á veciñanza que percorre o lugar a pé ou en bicicleta, fomentando un xeito de vida máis san e coidando o medio ambiente, xa que diminuímos o uso de vehículos e a emisión de CO2”.

De feito, a zona conta agora con aparcadoiros de bicicleta para fomentar outro tipo de mobilidade. Ademais, a renovación foi acompañada dun traballo de mellora da iluminación e da apertura de amplas zonas axardinadas, con numeroso arborado que garante a sombra, novo mobiliario urbano e zonas de estancia con bancos, o que permitirá desfrutar á veciñanza desfrutar da contorna.

Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a mellora da contorna camiña na senda da “mobilidade amable, promovendo que os protagonistas do espazo público sexa a propia veciñanza”. “Aquí desenvolvéronse valores de mobilidade sostible cunha estética que fai moi atractivo para calquera persoa achegarse ata a zona. Porque temos que pasar do discurso da sostibilidade á acción”, asegurou.

Esta actuación conecta dunha forma segura e amábel a senda do Regato da Venda coa Senda do Tea e incluíu a creación dunha senda de arredor de 700 metros na rúa Canteiro Xosé Cerviño que chega ata o barrio da Cachada, favorecendo a mobilidade peonil e ciclábel.

Para afondar na mellora da mobilidade, os traballos de remodelación da zona foron acompañados dun Plan de Mobilidade específico que permitiu a reordenación do tráfico mantendo as prazas de aparcamento e a implementación dunha zona de estacionamento por tempo limitado que multiplicará as prazas de estacionamento dispoñibles na contorna.

Ademais, na zona de servizos que rodea o complexo deportivo Álvaro Pino creáronse 5 prazas de estacionamento de máximo 10 minutos dirixidas a facilitar que os veciños e veciñas poidan realizar as súas xestións nos diferentes servizos existentes na zona.

Alcaldesa e presidenta estiveron acompañadas na visita polo deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor; o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; a edil de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera; e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.