Ponteareas expón o seu modelo de mobilidade ás policías locais da provincia de Pontevedra

No Seminario Poliágora, organizado pola Deputación de Pontevedra no marco da Rede Ágora

Ponteareas | O Concello de Ponteareas participou hoxe no Seminario Poliágora, unha iniciativa dirixida a todas as policías locais da provincia organizado pola Deputación de Pontevedra no marco da Rede Ágora, na que Ponteareas está integrada dende a súa constitución. O Concello foi convidado a expoñer a través dun relatorio o seu modelo de mobilidade a axentes e xefes das policías locais de toda Pontevedra.

O encargado da exposición foi o Oficial Xefe da Policía Local ponteareá Benigno Moldes, quen explicou o modelo de mobilidade implementado en Ponteareas e conceptos teóricos como o tráfico de paso, o tráfico de axitación ou o tráfico de necesidade.

Na exposición deuse conta das accións levadas a cabo polo Goberno municipal nos últimos anos, entre elas as numerosas peonalizacións de rúas que supuxeron a desaparición de todo o tráfico de paso que cruzaba polo centro urbano, co caso paradigmático da Praza de Bugallal, que era atravesada por máis de 1.000 vehículos á hora e que na actualidade está peonalizada e sen tráfico.

Ademais, o Oficial Xefe da Policía Local salientou que se eliminaron os dobres sentidos de circulación na zona máis céntrica creando itinerarios de sentido único de entrada e saída que reduciron o tráfico de forma extraordinaria. Nesa mesma liña Benigno Moldes revelou que nestes catro anos se reduciron a mínimos os circuítos en bucle que permitían aos vehículos dar voltas continuas na procura de aparcamento na porta do seu destino, acabando co tráfico chamado de axitación.

Neste aspecto, a Praza de Bugallal ou a Praza da Música funcionaban como verdadeiras rotondas xerando un tráfico innecesario de miles de vehículos a diario, algo xa superado coas peonalizacións e reordenacións dos sentidos do tráfico neses lugares.

Por último, o Oficial Xefe explicou a política de reformulación do aparcamento no centro urbano, substituíndo o aparcamento en rúas por aparcamentos compactos de grande capacidade a moi poucos minutos do centro e implementando a zona azul rotatoria nas avenidas que acollen o tráfico de paso.

Ademais, engadiu que nas áreas peonís con tráfico restrinxido o cambio de modelo permite que os vehículos que realmente precisan entrar nesas zonas, como as cargas e descargas ou residentes e consumidores con obxectos voluminosos ou pesados, poidan facer as súas operacións comodamente ao dispor de todo o espazo libre. Moldes salientou que en pouco tempo se constataron os cambios de hábitos e como a maioría das persoas agora van directamente cos seus vehículos aos aparcadoiros e realizan as xestións camiñando en traxectos moi curtos e cómodos.

Respecto ao control das áreas de tráfico restrinxido só aos supostos autorizados, Moldes salientou que a colaboración e concienciación da maioría da veciñanza e o control policial, xunto á desaparición dos itinerarios de paso ou de atallo e a ocupación da calzada con mobiliario urbano e polos propios peóns, axudaron a que o nivel de infraccións sexa mínimo. O Oficial Xefe fixo fincapé en que a Policía Local é fundamental para implementar os modelos de mobilidade amábel polos que aposta a Deputación Provincial.