
Ponteareas | Un total de 229 mulleres acudiron por vez primeira ao Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ponteareas durante o último ano. Para dar resposta a estas e a tantas outras mulleres que solicitan apoio, o Concello suma esforzos coa Universidade de Vigo e coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra e lanza a campaña “Detecta e Actúa” con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A presentación contou coa participación da concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, a decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, Emma Torres, o equipo VIOGÉN da Garda Civil, o director do CIM municipal, Policía Local, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
A campaña foi presentada ante as direccións e departamentos de orientación dos centros de ensino, traballadoras sociais, educadoras familiares e a cidadanía en xeral, e este ano centra o seu foco nas mulleres migrantes. “A violencia contra as mulleres segue sendo unha realidade que nos interpela a todas e todos. Previr e detectar é esencial para protexer. Reforzamos o noso compromiso cunha resposta integral para detectar, identificar sinais e actuar”, destacou a concelleira Raquel Plana.
“Detecta e Actúa”: poñer o foco nas persoas e no entorno
A campaña, deseñada polo alumnado do Máster en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo, aborda a violencia de xénero que sofren as mulleres migrantes ainda que é extrapolable a calquera situación de violencia de xénero, independentemente da nacionalidade ou situación persoal da vítima.
“O obxectivo é poñer o foco nas persoas, os verdadeiros axentes activos, é dicir, todas aquelas que convivimos no mesmo entorno que as vítimas: na rúa, nos comercios, no transporte público, nos centros sanitarios ou escolares. A campaña pretende facer un chamamento para que, ante unha situación de violencia de xénero, teñamos as ferramentas e coñecementos necesarios para detectar e actuar”, explicou a decana de Comunicación.
Compromiso municipal e Plan de Igualdade
A campaña “Detecta e Actúa” será o fío condutor das accións de igualdade que o Concello desenvolverá ao longo do ano, como:
– O arco da vella virtual de información a persoas LGTBI+.
– Avanzar no Plan de Igualdade de Oportunidades do Persoal Municipal, con formación específica.
– A redacción de protocolos internos para unificar criterios de actuación ante posibles casos de violencia de xénero.
Obxectivos da campaña
Entre os obxectivos da campaña está promover a detección temperá das situacións de violência, mellorar a coordinación entre servizos municipais e sensibilizar á cidadanía sobre o seu papel activo na prevención.
Para acadar os obxectivos o goberno municipal traballará en catro liñas:
1. Formación e detección temperá
– Sesións para persoal municipal, educativo e sanitario.
– Protocolos comúns de actuación.
– Identificación de sinais e primeiros pasos de axuda.
2. Sensibilización social e comunicación
– Campañas en redes e medios locais.
– Accións en datas clave: 8M e 25N.
– Material gráfico co lema “Detecta e actúa”.
3. Educación e mocidade
– Obradoiros en centros educativos sobre respecto e relacións sans.
– Actividades participativas con mocidade e familias.
– Prevención da violencia dixital e do control.
4. Coordinación institucional
– Traballo conxunto entre áreas municipais e forzas de seguridade.
– Reunións periódicas de seguimento.
– Reforzo da rede local de atención.
Balance de cifras en Ponteareas
Durante o último ano, 229 mulleres acudiron por primeira vez ao Centro de Información á Muller. Cifra que se desglosa en
128 vítimas de violencia de xénero, 37 mulleres con cargas familiares non compartidas, 33 mulleres con diversidade funcional e 29 mulleres inmigrantes.
O director do CIM de Ponteareas, Diego Fernández, explicou que realizaron 421 atencións integrais a vítimas de violencia de xénero, 139 informacións sobre recursos e 100 asesoramentos xurídicos. Datos que se suman aos aportados pola Garda Civil que rexistrou entre 300 e 350 intervencións anuais, cuns 280 casos activos xestionados polo equipo VIOGÉN, dos que Ponteareas representa un 40-50%, así o explicou o Garda Civil, Carlos Tajes.
Próximas accións
A primeira das accións será o próprio día 25N coa lectura e redacción dun manifesto conxunto, tamén se organizará o coloquio polo 20º aniversario da Lei Orgánica 1/2004 e rematarase o VI Plan Local de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Ponteareas (2025–2026). Asi mesmo o Concello reforzará a campaña nas datas sinaladas como o 8M, a presentación do Arco da Vella Virtual o 28J e o vindeiro 25N.
Compromiso municipal
“A igualdade é unha política transversal. Cada área e cada profesional poden contribuír. Só coa coordinación e a empatía lograremos avanzar”, concluíu a alcaldesa Nava Castro.




