Ponteareas aumenta a capacidade de atención do programa “Xantar na Casa”

Quintuplicando o número de usuarios e usuarias

Ponteareas | O Concello quintuplica a capacidade de atención a usuarios e a usuarias do programa “Xantar na Casa”. Deste xeito, a administración local aumenta o número de persoas beneficiarias deste servizo ata as 50 fronte as 10 de anos anteriores. O convenio asinárono esta mañá a alcaldesa, Nava Castro e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no Salón de Plenos.

Co obxectivo de atender a un maior número de persoas maiores e dependentes do municipio, a rexedora solicitou este novo acordo e, tras o visto e prace do Consorcio, garantirase unha alimentación equilibrada a medio cento de usuarios e usuarias que así o precisan. Son os técnicos municipais dos Servizos Sociais quen, logo da correspondente avaliación, achegan a relación dos beneficiarios.

No acto de sinatura do convenio, a alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “con este acordo chegamos a un maior número de persoas que precisan dos servizos municipais. Medio cento de usuarios e usuarias terán garantida unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada aos seus gustos e hábitos”. Agradeceu a implicación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social e puxo en valor “os bos resultados que acadamos cando as administracións traballan de maneira conxunta”.

A edil de Benestar, Raquel Plana, indicou que “os nosos maiores merecen toda a nosa atención como a administración local que lle podemos facilitar o seu día a día. O novo convenio resulta de vital importancia para continuar ao lado das persoas que nos necesitan”.

O acordo co Concello, que ten unha duración de catro anos prorrogables a outros catro anos, inclúe a supervisión por parte de persoas técnicas especializadas en nutrición e a realización dunha enquisa de calidade con carácter periódico. Ademais, o Consorcio garante ás persoas beneficiarias do programa a entrega de, cando menos, unha vez á semana no domicilio indicado do xantar para os sete días da semana durante o período en que se atopen de alta do servizo.

O programa de “Xantar na Casa” da Xunta de Galicia consiste nun servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes que, por diversas razóns, non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou a elaboración dos menús.

Convenio coa UNED
O Concello firma un convenio de cooperación que permite incluír ensinanzas de carácter universitario á oferta académica do municipio e da súa área de influencia. Trátase dun acordo entre a administración local e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) que ten unha duración de catro anos e que, no seu caso, poderá ser prorrogable outros catro anos. O documento asinárono esta mañá a alcaldesa, Nava Castro, e o director do Centro Asociado á UNED en Pontevedra, Víctor Manuel González.

Grazas a este convenio, o centro de titularidade pública ofertará actividades e cursos de extensión universitaria e levará acabo accións destinadas á orientación académica e inserción laboral. Ademais, as persoas maiores de 55 anos que desexen completar a súa experiencia profesional ou ampliar os seus coñecementos dispoñerán de diferentes programas formativos mediante os recursos da UNED Sénior. O acordo inclúe a ensinanza de idiomas estranxeiros, programada polo centro asociado.

Pola súa banda, o Concello proporcionará espazos da súa propiedade, debidamente acondicionados, para o desenvolvemento desta oferta universitaria de xeito presencial e se fará cargo dos gastos de mantemento dos locais que se cedan á UNED. A administración local, de igual xeito, poderá propoñer temáticas do seu interese á hora de elaborar os cursos e as actividades.

No acto de sinatura, a alcaldesa, Nava Castro, indicou que “con este convenio de cooperación educativa, traemos ata a vila a universidade, neste caso, a UNED, que permitirá que a veciñanza do municipio e da nosa área dispoñan dunha maior oferta académica”. Lembrou que “potenciar a formación é un dos nosos obxectivos como goberno municipal e con este acordo posibilitamos, tamén, que as persoas maiores de 55 anos dispoñan dos recursos necesarios na súa propia localidade se desexan potenciar a súa experiencia e sabedoría”.

O edil de Ensino, Ricardo González, cualificou este convenio de “transcendental para o municipio, posto que por primeira vez os nosos veciños e veciñas poderán cursar accións formativas de carácter universitario sen ter que saír da vila”. Apuntou que “con este acordo tamén se impartirán clases sobre diferentes idiomas estranxeiros, o que permite mellorar a accesibilidade a este tipo de estudos que repercute de forma moi positiva á hora de buscar emprego e de desenvolver habilidades profesionais”.

O director do centro asociado da UNED, Víctor Manuel González, agradeceu ao Concello a súa implicación para acadar este acordo “porque desta maneira conseguimos chegar a un maior número de persoas que precisan cursar diferentes estudos e continuamos realizando a nosa labor social”. Ademais, puxo en valor o programa para as persoas maiores de 55 anos porque “á vez que potenciamos o seu coñecemento, combatemos dalgún xeito a soidade”. No acto, participaron tamén o edil de Educación, Ricardo González, o subdirector Económico da UNED, Alfonso Vázquez e o coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo.