Ponte…nas Ondas! coorganiza o 6º Congreso Internacional de Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación

A mediados de novembro no Campus da UVigo en Ourense

Vigo | A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá os días 16, 17 e 18 de novembro o evento, que ten por lema “Ponte entre escola e sociedade”.

O 20º aniversario da aprobación da convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI) é un dos eixos do encontro.

O encontro está organizado pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo; polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense; por Ponte…nas Ondas! e pola Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), en colaboración con outras entidades, universidades e organizacións.

“Ponte entre escola e sociedade” é o lema do 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación que, tal e como destacou Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, “traerá primeiras figuras do patrimonio mundial” a Ourense para a reflexión, o intercambio e o debate este próximo mes de novembro. Recordou Veloso que “non é casual o emblema da UNESCO na portada do Congreso” e mesmo haberá intervención directa dunha representante da UNESCO desde París.

O portavoz de PNO! tamén salientou que esta vontade de mostrar as experiencias de integración do patrimonio inmaterial na escola terá un exemplo concreto coa presenza de case medio milleiro de rapaces e rapazas de centros da eurorrexión atendendo á entrega de premios do certame “As imaxes do patrimonio” convocado anualmente pola asociación.

Unha forma máis, subliñou, de como se visualizará no congreso “que o ensino primario e secundario está a traballar co patrimonio inmaterial, que non é só cousa das universidades e dos especialistas, senón tamén das escolas”.

“Desde a propia ilustración do cartel, simbolízase esa ponte entre a escola e a sociedade, que é o que vimos facendo humildemente desde PNO! desde hai anos, dinamizando, coa radio e as novas tecnoloxías, o patrimonio inmaterial desde a comunidade educativa, e integrando ese patrimonio no interior das aulas”, afirmou Santiago Veloso, que finalizou a súa intervención agradecéndolle tamén á comisión científica o entusiasmo unánime mostrado coa promoción deste congreso, salientando todos eles o oportuno de destacar ese vínculo e ponte entre escola e sociedade.

PNO! como motor e axente dinamizador do Congreso
A presentación do Congreso, que acollerá o campus de Ourense os días 16, 17 e 18 de novembro, realizouse esta semana no Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense. A conferencia de prensa abriu coa intervención do vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, quen destacou o papel de PNO! como “o motor e axente dinamizador do Congreso”.

“A importancia do Patrimonio Cultural Inmaterial é innegable para todas as culturas”, dixo Fernández, quen reivindicou o traballo realizado pola Deputación de Ourense a prol da defensa e mantemento deste patrimonio a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, a quen agradeceu o labor que realiza sendo unha institución “referente na conservación do noso patrimonio”.

Seguidamente, a directora xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, recordou a recente inscrición, en decembro de 2022, de PNO! no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. Un recoñecemento “a moitos anos traballando en prol do patrimonio inmaterial e establecendo un vínculo de coñecemento e transmisión do patrimonio inmaterial nas dúas marxes da fronteira a través dos centros educativos, implicando a familias, alumnado, profesorado e moita xente, para preservar e conservar o patrimonio cultural que nos une a ambos os dous lados”, dixo a representante da Xunta.

Martínez Insua sinalou que a propia UNESCO chamou a atención sobre a idea de que “non só era importante o traballo que se levaba feito, senón a posibilidade de que este modelo de PNO! sexa trasladado e exportado a outras sociedades, como exemplo de cooperación e vínculo”.

Cara á creación dunha rede de experiencias no ámbito do PCI
Pola súa banda, o decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid, destacou “a fonte inesgotable de Patrimonio Cultural Inmaterial que ten Ourense coa raia portuguesa”.

“Estes congresos intentan poñer en valor a capacidade da sociedade de crear e manter esa cultura, e transmitila, onde é clave o traballo de PNO!, movendo ese traballo ás xeracións máis novas”, afirmou Cid. E en representación da outra institución co-organizadora, a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro, o profesor Xerardo Pereiro, falou da perspectiva multidisciplinar deste congreso, que, indicou “vai ter un impacto na sociedade, con oradores de primeiro nivel, cun impacto académico”.

E tamén servirá para “para involucrar e incluír, formal e informalmente o modelo de PNO! e a importancia da relación do patrimonio cultural inmaterial e a educación, é dicir, formar os nosos futuros docentes, que son áncora da sociedade, figuras importantísimas para o futuro da nosa sociedade no ámbito do patrimonio inmaterial galego-portugués, tamén nunha perspectiva multicultural”.

Xerardo Pereiro avanzou que o Congreso servirá de encontro para a creación dunha rede de experiencias no ámbito do Patrimonio Cultural Inmaterial á que están convidadas case un cento de entidades (museos, asociacións, etc) dos concellos da “raia”, co obxectivo de que “a xente se coñeza, intercambien experiencias, se realicen formacións e, en definitiva, sexa útil para a sociedade”. Lembrou tamén que se presentará o avanzado proxecto de creación dun Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial na alfándega de Valença do Minho. Información e programa do Congreso: http://pontenasondas.org/congreso-2023/