Plácido Castro.

Hai uns días asistín a unha conferencia de Alfonso Vázquez Monxardín sobre o programa da BBC en galego no que traballou Plácido Castro, entre os anos 47 e o 56, aproximadamente.

Na mesa estaba un representante da Fundación Plácido Castro, que fixo a presentación e de cuxo nome non me lembro. E, ao inicio, todas as presoas presentes fomos recibidas amabelmente pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, que nos dirixiu unhas palabras de benvida antes da charla. Cabe engadir con satisfacción que o BNG desta vila leva feito un gran labor e segue imbatíbel electoralmente.  Como dicía P. C., ser galeguista é algo moi distinto de ser “autonomista”…

Non vou dicir del nada que non se saiba xa, porén paréceme interesante falar deste republicán e galeguista histórico. Plácido Ramón Castro del Río naceu en Corcubión en 1902 e faleceu en Cambados en 1967. Foi un escritor, periodista e tradutor ao galego de obras de poetas e poetisas ingleses, escoceses, irlandeses e galeses. Cando tiña seis anos os seus pais trasladáronse a Reino Unido e en 1911 estabrecéronse en Cardiff.

O seu pai era un empresario do carbón. Despois de facer os estudos de ensino secundario, Plácido estudou arquitectura naval en Glasgow, comezando daquela a traducir poetas do Reino Unido e Irlanda. Periodicamente visitaba Galiza e Cambados. Asentouse en Londres e colaborou con xornais próximos ás Irmandades da Fala como ANT e Céltiga e tamén con outros.

En 1930 retorna a Galiza, colaborando coas Irmandades da Fala e converténdose en membro fundacional do Partido Galeguista en 1931 e membro da executiva do partido. No ano 1933 participou, representando a Galiza, no IX Congreso de Nacionalidades Europeas de Berna, onde Galiza foi recoñecida como unha nación. Participou tamén activamente na campaña a favor do Estatuto.

En 1936, tras a sublevación fascista, foi detido e procesado, sendo condenado á inhabilitación absoluta, ao desterro a máis de 100 km. de Muxía e a pagar unha cuantiosa multa de 25.000 pts., por “actuar activamente” en defensa dos intereses de Galiza. Instalouse en Vigo, onde seguiu traducindo ao galego poetas británicos e irlandeses, e participou nunha tertulia no Derby con Maside, Lugrís, Paco del Riego, os irmáns Álvarez Blázquez. ou Xaime Illa. Porén acabou exiliándose en Portugal e, despois, en Londres.

Alí traballou durante seis anos como locutor e redactor dun programa cultural en galego da BBC: “Galician Programme” (tamén se facía outro en éuscaro e outro en catalán). Nestes -coido que 83- programas – aos que mandaban colaboracións galeguistas do interior- tiñan prohibido falar de política, eran só culturais. No entanto, non hai que esquecer que a verdadeira oposición galega ao franquismo naqueles anos facíase nos montes…   Pasado un tempo, regresou a Galiza e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía como profesor de inglés.

Publicou en Grial en 1963 unha tradución ao galego e tamén diversos artigos en varios xornais de Galiza. E, a título póstumo, publicou tamén un ensaio sobre o poeta irlandés Yeats. Del é este poema traducido por Plácido, recollido nun libro co que a Fundación Plácido Castro tivo a ben agasallarnos ás persoas asistentes ao acto:

OS VELLOS A SE ADEMIRAREN NAS AUGAS

Ouvín que os vellos, vellos, decían,
“Toda cousa vese mudada,
e imos caíndo, día tras día”.
Tiñan as mans coma poutas, e xoellos
retortos como espiños vellos
á beira das augas.
Ouvín que os vellos, vellos, decían,
“Todo o fermoso vaise á deriva,
o mesmo que as augas”.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.