Parvos e suicidas!

Quen fai isto -o que nos está a pasar- son os mesmos de sempre, son os mesmos que foron e os mesmos que fixeron o que fixeron ao longo da historia, nesta negrasombra que suma e segue. Agora empregan eufemismos e vehemencias finxidas,… nótaselles a impostación teatreira. Non serán tesoirazos, serán axustes! Iso si, recortando aos de sempre, aos obreiros, obreiros e vagos. E aos fillos dos obreiros! Eles teñen que coidar a hexemonía propia e garantir o herdo dos seus, co seu poder, cando reciban a dedo e por obra e graza do bobilisbóbilis os postos mellor pagados que o porvir lles reserva. Así se multiplican, levan sempre así escribindo as follas da historia, ao redor da forza, cos medos e as crises. Para eles sempre hai crise e sempre pagamos nós. Gárdanse e gardan: aos ricos nin tocalos, teñen que seguir sendo ricos, para dar traballo a todos, hai que xerarquizar e xerar riqueza, facendo calar a tanto obreiro rebelde e subversivo. Seguen sen baixar a garda, sen que poidamos reaccionar, organizar e esixir os nosos dereitos. “Esos idealistas rojos, nacionalistas, separatistas y violentos, esos que quieren romper la unidad y dejar de currar para nosotros. Seguro que esconden un golpe de estado. Y eso es patrimonio nuestro y exclusivo! Porque ellos son insolventes, algo traen detrás de sus ansias insatisfechas, ahora mismo se llaman  “indignados. Lo que son, son indignos!”
E pregoan máis bazofia. Porque o que queremos é desfacer todo, pedir a independencia, de eles, que nos dan de comer e traballo! E non pretendiamos que pagasen os bancos e as grandes fortunas? Seremos parvos. Onde se viu, nós opinando,… os que nada temos nin arriscamos! Por riba, sabendo que o seu único propósito é que volvamos ser un país de empresa, que gañe e dea postos para traballar e producir, anque sexan traballos puntuais, soldos limitados e co agasallo de horas extra non pagadas, hai que andar! Son turnos desmedidos, quizais algúns en precario,… o caso é que as empresas poidan aumentar beneficios para seguir dando traballo: ese é o punto principal. Xerar riqueza para seguir dando traballo, mesmo se a cousa vai moi ben, deixar que entren inmigrantes, claro! dos domésticos e non violentos. Iso din. Exercen o seu poder e, ollo, se aparecesen publicacións independentes, din que filtran mentiras, …e fóra! Retíranselle os apoios!. Sindicatos,… só dan guerra. Fóra! Se algún xuíz ousa contrariar,…. fóra! Incúlpase nos delictos que persegue. Se os funcionarios se reviran,… fóra. Reducir soldos e plantilla, ampliar horarios. Xubilados, dependentes, eses xa non se moven, pero recórtaselles, é o propio. Mesmo a Constitución, se non prevé o que queremos,… fóra. Nova redacción, por decreto e entre eles. Se o estado de benestar dá dor de cabeza,… fóra. Privilexios,… que aprendan a pagar e a valorar, igual que nós facemos e pagamos!. Faltaría máis!
E con todas estas cousas (e as que nos teñen reservadas) a ver se acaban dunha vez por todas con esta “democracia”, a do intento de cohesión social, luxo terreal do despropósito. Que pensabamos! Fixémonos ilusións, pobres parias!
Pois eu digo que, sabendo o que sabemos, se os votamos,… seremos suicidas e parvos! E non sería a primeira vez.
 

Mestre e músico.