Parques eólicos e Tribunais: as cousas seguen case iguais.

Cadernos da viaxe.

Nesta sexta, 1-A, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) respostou cuestións prexudiciais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no senso que nin a lexislación galega nin a estatal están obrigadas pola Directiva 211/92/UE ( modificada pola 2014/52/UE) a lle outorgar ás persoas afectadas ou interesadas por unha avaliación de impacto ambiental un novo trámite a respecto de determinados dictames e informes que poidan chegar ao procedemento logo de rematado o prazo para que estas persoas formulasen as súas alegacións. Deste xeito, o criterio do TXUE coincide co manifestado polo Tribunal Supremo (TS) estatal na súa Sentenza de 21.12.2023, que anulara a do TSXG vetando a repotenciación do parque eólico (P.E.) de Corme.

Non faltaron opinións (tan interesadas como o “público interesado” do que falan as Directivas ambientais europeas) anunciando urbi et orbi o automático arranxo da chamada por algúns “bloqueo eólico galego” , supostamente xerado por unha doutrina particular do TSXG.

E non hai tal.

De primeiras cómpre distinguirmos entre suspensión de procedementos xudiciais no TSXG e suspensión das autorizacións dos P.E. no TSXG. É certo que arestora hai un grande número de procedementos xudiciais contra autorizacións de P.E. da Xunta de Galicia que se atopan suspendidos no seu trámite (todos despois do retrucamento á demanda reitora pola Xunta e, no seu caso pola promotora codemandada). Mais, na case totalidade dos procedementos, a causa de suspensión procesual non era a pendencia das cuestións prexudiciais do TSXG no TXUE, senón a pendencia dun recurso de casación análogo ao resolto pola devandita Sentenza do TS de 21.12.2023, que, malia coincidir arestora xa coa doutrina do TSXUE, aínda non constitúe de seu xurisprudencia do TS, que precisa de dúas sentenzas análogas, cando non son emitidas polo Pleno da Sala do Contencioso-Admvo. É evidente que, máis cedo ca tarde, o TS consolidará a súa xurisprudencia, que xa é xurisprudencia do TXUE. Deste xeito, deixaranse sen efecto todas as suspensións dos preitos afectados. Mais o único que suporá isto é que todos e cada un dos procedementos tramitaranse (probas periciais, conclusións das partes ou vista…) até sentenza, recorríbel en casación perante o TS.

A abafante maioría destes procedementos susceptíbeis de ser reactivados contan, porén, cunha suspensión cautelar de cadansúas autorizacións dos P.E. afectados. É dicir, os procedementos estarán suspendidos até sentenza definitiva (normalmente a que decida o TS).

Muda algo esta doutrina da TXUE e a xa inminente xusprudencia do TS? Moi pouco, a verdade. Na inmensa maioría dos P.E. a suspensión da súa autorización polo TSXG alicerzouse nas chatas e defectos da avaliación ambiental da Xunta (patrimonio cultural, flora, fauna, hidroloxía, paisaxe, sanidade humana e animal etc.), moitas veces acreditada por información do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica (Índice de Sensibilidade Ambiental-ISA- de enerxía eólica) que advirte da saturación da meirande parte do territorio galego.

Velaí que, tanto no que se refire á eventual suspensión cautelar canto no que atinxe á anulación ou validamento das autorizacións dos P.E. outorgadas pola Xunta na sentenza o que contará será o exame, caso por caso, da avaliación ambiental da Xunta, fronte ás probas que propoñan os recorrentes, moitas veces avaliadas por esa ISA do Ministerio competente.

Ao tempo cómpre facer o mesmo retrucamento fronte aqueles que afirmaron que a Sentenza do TS de 21 de marzo de 2025, que anulou unha anterior do TSXG a respecto do P:E. de Campelo, Monte Toural e Bustelo, anulaba tamén a doutrina do TSXG a respecto dos chamados “fraccionamentos” de P. E. O que dixo entón o TS foi que partillar unha subestación ou unha liña de evacuación non habería anular “per se” unha autorización por mor dun fraccionamento ilegal (“fraccionamento formal”). Mais a regra xeral nos casos de fraccionamento será o “fraccionamento material” (cando se tente fuxir da competencia do Goberno do Estado canto a P.E. de máis de 50 MW ou se tente fuxir dunha avaliación ambiental completa e integrada do conxunto dos efectos ambientais que acumulativamente van xerar os P.E. atinxidos individualmente fragmentados.

De hoxe en diante, pois, o exame xudicial no TSXG de cada P.E. outorgará a súa suspensión cautelar e/ou decretará a súa nulidade na sentenza alicerzándose no exame casuístico de cadanseu impacto ambiental. É dicir, que estamos na práctica como estabamos.

“Non está de máis rematar lembrando que Galicia soborda en máis dun 30% os obxectivos de produción de enerxía a medio de fontes renovábeis para o 2030”

Non está de máis rematar lembrando que Galicia soborda en máis dun 30% os obxectivos de produción de enerxía a medio de fontes renovábeis para o 2030. Que exporta cara territorios só consumidores como a rexión de Madrid case o 40% da enerxía que produce, asumindo os seus impactos ambientais e paisaxísticos de toda caste e tamén a súa incompatibilidade, polo menos relativa, coas actuais actividades económicas das áreas atinxidas.

Xa que logo, sen un modelo de produción que recoñeza unha tarifa eléctrica galega de noso a prol dunha política industrial propia, negociación coas comunidades locais para acadarmos a súa participación substancial nos réditos da enerxía e máis a orientación cara ao autoconsumo no canto do transporte a territorios só consumidores a historia da produción eólica na Galicia seguirá a ser unha historia de desequilibrios e imposicións fronte á historia de consensos que define a implantación desta enerxía noutras áreas europeas como os espazos neerlandés, escandinavo e báltico.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.