• Segue conectado
  • |

Para cando o Partido Republicano?

A recente historia deste país chamado España tennos “drogados”, politicamente falando. Vimos de espertar dun soño de 40 anos de ditadura, que nos transportou ao que se ben en chamar “período democrático” por excelencia.

Os que temos a manía de metee o fociño nas cousas da historia, talvez porque fomos culturizados, é un dicir, dentro duns parámetros perfectamente marcados dende o Poder absoluto dunha ditadura, levamos tempo (sobre todo nos últimos 50 anos da nosa existencia) soñando con outra cousa. Lemos, estudiamos, discutimos (isto menos porque a verdade é que non queda moita xente coa que discutir, non disputer, que dirían os franceses), de por que en España non existe un Partido Republicano potente?

Curiosamente, énchesenos a boca falando dos tempos da República. Que aqueles si que eran tempos de apertura intelectual, social, etc. Con todo, chegou esta etapa, e como si nos administraran un forte somnífero, ata os partidos considerados herdeiros dos tempos republicáns, non se atreveron a erguer a bandeira republicana. Como se fora un pecado de lesa humanidade, o PSOE que sempre presumiu de republicano, non sei, ou si sei, por que vergoñentas culpas se adaptou, coma un camaleón político, á nova situación. Todos se volveron monárquicos. Os Reis estiveron e seguen estando contentísimos cos socialistas.

Felipe González cambiou a chaqueta de pana por outra propia dos salóns da realeza, Alfonso Guerra, aquel dobermán que ía comerse o mundo, pasoulle como a Pablo Iglesias, o Poder emborrachounos de tal maneira que hoxe son, sobre todo o socialista, máis monárquicos que a raíña Leticia.

É curioso. Hoxe vemos como resucitan “las flechas de mi haz”; crecen como fungos nesta terra seca de ideas (é curioso, porque os fungos crecen en terras húmidas) os herdeiros de “Dios Patria y Rey” sen que pase nada. Todos aceptamos que nunha democracia se poden defender todas as formas posibles de ordenar a sociedade, sempre, claro está, que se respecten os principios democráticos mínimos: dereitos humanos, liberdade de opinión, respecto polas crenzas e condicións sexuais diferentes, etc. Pero non vemos que se erga a bandeira da República nin se defendan os seus principios.

Estes días en Madrid, ese Rei que din que reina pero non goberna (eu non mo creo nin de coña) foi protagonista: presidiu a apertura do novo ano lexislativo; ou sexa, deu o pistoletazo de saída para que as Cortes Xerais poidan comezar o seu labor de lexislar e controlar o Poder Executivo.

Se non goberna que pitos ten que tocar no Parlamento representante xenuíno do Poder do Pobo? Ou é que o Pobo español, como di a canción portuguesa, é que máis ordena, pero sempre que o Rei lle permita facelo?. Que pasa se as Cortes se poñen en marcha sen o “permiso” do Rei?

Ben, pero, sempre hai un pero. Varios partidos dixeron que o acto non ía con eles; non lle concedían representatividade ao Monarca Borbón para ser protagonista nun acto tan singular e definitivo no labor de organizarse un Pais: Esquerda Republicana de Cataluña, o Bloque Nacionalista galego e Bildu, vasco, non entraron na Cámara. Supoño que o fixeron porque non son monárquicos e son coherentes.

Todos os demais parlamentarios (deputados e senadores) que si ofreceron o rendez –vous ao monarca son, de verdade, monárquicos? Entendo que non. Logo por que ese sometemento? Por que non son honestos e demostran, non con xestos máis ou menos alambicados, senón con posturas claras e definidas que para eles a Monarquía é unha imposición histórica que non aceptan de boa gana?

Vivimos nun país de covardes políticos. Non somos capaces de romper as cadeas que nos atan a ese pasado que todos dicimos querer esquencer pero sen atrevernos a substituílo por unha nova primavera.

Eu, que nacín apenas rematada aquela guerra incivil que nunca debeu existir; eu que fun educado (mellor domesticado) polos que se adaptaron a ser obedientes co Réxime; polos que, aínda hoxe, non se atreven a falar con liberdade, quero desafiar publicamente a todos eses que se din “non monárquicos” a que nos organicemos arredor da bandeira republicana e constituamos o Partido Republicano: galego, catalán, vasco, andaluz e castelán. Logo chegaría a Federación de Partidos republicanos da Penincula Ibérica (Portugal xa é republicano). Por algo dicía Castelao “menos mal que nos queda Portugal”.
Cada quen no seu territorio e todos defendendo o dereito a organizar as nosas respectivas sociedades sen coroas nen coroados.

Agora que está de moda iso das redes sociais (debo recoñecer a miña incapacidade para dominar ese mundo) sería o momento de facer unha proposta aos españois preguntándolles se estarían dispostos a prestar apoio (xa se vería como) a un Partido republicano de verdade.

Quen se apunta? A miña ficha xa está cuberta. E a túa?


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 3 Feb 2020.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies