A ONU ven de declarar que o estado de fame e de crise humanitaria en Gaza está chegando ao nivel de inanición. A relatora da ONU para Palestina, Francesa Albanese, foi obxecto de presións oficiais en Berlín para non denunciar os crimes contra a humanidade en Gaza e, así, non irritar ao aliado israelí. Mentres, Israel bloquea persistentemente a axuda humanitaria internacional ao masacrado pobo palestino en Gaza e, cando autoriza esporádicamente, bombardea sen piedade as filas de milleiros de persoas, homes, mulleres, neno/as e anciáns, que buscan comida e auga.
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, ven tamén de anunciar que o seu goberno recoñecerá o Estado de Palestina. Dende a Praza da Quintana no Día da Patria Galega ata Nova Iorque e Londres, o berro do “Palestina Vencerá!” percorre as rúas nun reclamo cidadán, da sociedade civil, ante o cinismo e incapacidade dos seus gobernos e dirixentes políticos, algúns deles tan enormemente insensibles que seguen a xustificar o xa intolerable e falaz “dereito israelí á lexítima defensa”.
O enésimo drama palestino implica un punto de inflexión a nivel mundial. Son frecuentes os actos públicos, concertos, obras teatrais, homenaxes, etc, nos que a bandeira palestina ondea, ás veces de xeito clandestino, para berrar con forza unha inxustiza contra un pobo masacrado e vítima dun xenocidio sistematico aos ollos de todo o mundo por parte de Israel, aínda que existan “líderes políticos” que se encarguen de negalo.
“Mentres os cidadáns berran nas rúas, o silencio cómplice con este xenocidio campea en diversos gobernos, especialmente EEUU, Europa e incluso varios países árabes”
Mentres os cidadáns berran nas rúas, o silencio cómplice con este xenocidio campea en diversos gobernos, especialmente EEUU, Europa e incluso varios países árabes (Arabia Saudita, petromonarquías do Golfo) que teñen capacidade política suficiente para esixir o fin desta traxedia colectiva. Nas redes sociais, ese novo espazo de “debate” político, observamos dende imaxes horrendas do que sucede en Gaza ante a total impunidade por parte das forzas ocupantes israelís ata youtubers, influencers e simples cidadáns israelís que se mofan desta traxedia e incluso lanzan discursos de odio contra os palestinos e os árabes, especialmente por parte de líderes de colonos xudeus como Daniella Weiss, moitos deles oriúndos de Europa Oriental e por tanto sen raíces no territorio que ocupan, e que exhortan diariamente a “desaparecer aos palestinos” para recuperar esas terras “históricas de Israel”.
No seu libro sobre o caso Eichmann en Xerusalén, a politóloga xudea Hannah Arendt adoptou o termo da “banalidade do mal” para explicar a responsabilidade do nazismo no Holocausto. Un mecanismo exactamente reproducido por Netanyahu e os seus secuaces nunha sociedade israelí enferma dun mesianismo supremacista sionista (o “Gran Israel”) cada vez máis teocrático e racista, reproducido nas novas xeracións e amparado pola impunidade que ten Israel para non ser xulgado ante a historia. E tamén esa “banalidade do mal” que, imitando aos seus verdugos nazis, os israelís infrinxen diariamente contra os palestinos nun xenocidio institucionalizado e instrumentalizado desde fai máis de sete décadas, silenciando incluso as voces discordantes (minoritarias pero non inexistentes) dentro da sociedade israelí.
Pero o berro de “Palestina Vencerá!” dignifica a capacidade de resistencia dun pobo que se nega a desaparecer. A identidade palestina, hoxe, está cada vez máis presente a nivel planetario. Hoxe, mais que nunca, compre “falar de Palestina” para reclamar aos líderes políticos a súa cínica e cómplice actitude co respecto a Israel. E compre tamén que na sociedade israelí apareza unha Arendt con capacidade suficiente para espertar un mínimo de humanidade e para criticar que esa “banalidade do mal” contra os palestinos e outras minorías (árabes, cristiáns) tamén existe en Israel.