Ourense entrega os premios do Concurso de Pinchos 2025

O certame contou coa participación de 43 establecementos da cidade

Ourense | O Concello de Ourense entregou onte á noite os premios do Concurso de Pinchos 2025, un certame que se desenvolveu do 13 ao 21 de xuño e contou coa participación de 43 establecementos de hostalaría da cidade, que presentaron un total de 51 propostas culinarias.

O acto de entrega tivo lugar nos exteriores do Pavillón dos Remedios, no marco da programación de actividades das Festas de Ourense, e contou coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira de Turismo, Noa Rouco, e representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras. Nesta edición, por primeira vez, o concurso entregou premios económicos, cunha dotación total de 4.400 euros.

Na categoría de pincho de innovación, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Bágoa Gastrobar co seu pincho B24. O segundo premio (1.000 euros) foi para La Zapatería del Abuelo, polo seu pincho Apagón, mentres que o terceiro premio (500 euros) recaeu en Portovello, polo pincho Miño.

Na categoría de pincho clásico, o primeiro premio (1.500 euros) foi para O Barallete, polo seu pincho Barallete; o segundo premio (1.000 euros) foi para Bar Orellas da Praza do Ferro con Mesturada, e o terceiro (500 euros) para Kaleido Cocina Creativa, co seu pincho Croqueta de mexillón.

O premio ao mellor pincho apto para persoas celíacas, dotado con 400 euros, foi para Na Brasa, polo seu pincho Umami Nordés. Na foto, Jacobo de Bar Orellas da Praza do Ferro, recibindo o galardón.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.