Os viadutos do palco do Bernabéu.

Xa dixemos moitas veces nesta coluna que un dos elementos dominantes do deep state que manexa as decisións fundamentais no Estado español é o lobby construtor-concesional radicado en Madrid, que foi quen de i) priorizar as grandes obras radiais de infraestrutura das autovías e alta velocidade sobre esquemas alternativos doutros eixos viarios (atlántico, cantábrico ou mediterráneo) e sobre os investimentos en novas tecnoloxías da comunicación e I+d+i empresarial; e ii) asumir os mellores contratos de concesión de servizos públicos. Todo ilo no prexuizo das empresas construtoras e concesionais galegas e doutros territorios do Estado.

Para os efectos que hoxe nos cumpren foron as grandes construtoras madrileñas (nomeadamente a FCC entón das Koplowitz, ACS de Florentino Pérez e OHL de Villar Mir) as que monopolizaron as adxudicacións das obras da autovía A-6 de acceso á Galicia dende a Meseta castelá nos anos 90 dos século pasado.

O viaducto d’O Castro na A-6 foi construído por unha UTE empresarial con maioría de dous terzos de FCC e recibido polo Ministerio de Fomento no 2002. No verán de 2021 foron detectados problemas de construción que non coñecemos aqueladamente polo escurantismo do Goberno do Estado, ficando curtada a A-6, que houbo ser substituída por unha estrada N-VI que non da feito para garantir os tránsitos. E os días 7 e 16 neste mes de xuño de 2022 caeron cadanseus vanos do viaduto, sendo real a ameaza de derrubo dun terceiro.

“O viaducto d’O Castro na A-6 foi construído por unha UTE empresarial con maioría de dous terzos de FCC e recibido polo Ministerio de Fomento no 2002. No verán de 2021 foron detectados problemas de construción que non coñecemos aqueladamente polo escurantismo do Goberno do Estado”

A influencia deste lobby proxéctase sobre a lexislación vixente entón e arestora. As dúas só fan responsábel á construtora dos danos na estrutura por defectos agachados manifestados nos primeiros quince anos dende a data de recepción de cadansúa infraestrutura, polo que, agás circunstancias excepcionais, o Estado non poderá obter indemnización da construtora nin tampouco da enxeñaría autora do proxecto (que só resposta por danos manifestados nos dez anos posteriores á data de recepción).

Semella que ten razón Ana Pontón (BNG) cando di que esta obra se rematou hai 20 anos e non 200. Non teñen sentido no 2022 prazos tan curtos para a esixibilidade de defectos de execución ou de proxecto na obra pública.

Mais o rechamante de toda esta trapallada Marca España é o absoluto escurantismo do Ministerio de Fomento sobre as causas e responsabilidade na ruína dunha obra pública fulcral para o tránsito de mercadorías. Como xa pasou coa catástrofe do Alvia no 2013, PP e PSOE, o bipartidismo dinástico, colaboran conscientemente para garantir a impunidade das grandes empresas construtoras, concesionais, de distribución eléctrica e bancarias que teñen a süa sede na capital do Estado cando incumpren as súas obrigas legais e contractuais.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos