Os Reis Magos ofrecerán unha recepción no Teatro Municipal de Tui

Con todas as medidas de seguridade pola COVID 19

Tui | Os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, estarán o próximo martes, 5 de xaneiro, en Tui.

Este ano debido á pandemia da COVID 19 non se celebrará a tradicional Cabalgata Internacional da Eurocidade Tui-Valença. De todos os xeitos as súas maxestades de Oriente chegarán en tren até a Eurocidade realizando un percorrido máxico por Valença e Tui que se poderá visualizar nun vídeo que o luns, día 4, á noite se difundirá a través das redes sociais e a web municipal.

Os Reis Magos volverán repartir maxia e ilusión o martes día 5, e compartir uns momentos cos cativos e cativas que se acheguen ao Teatro Municipal de Tui. De 16 a 19.30 h terá lugar no teatro tudense a recepción real para a que será preciso reservar previamente entrada de forma gratuíta en tui.gal dende hoxe ás 19 h.

Cada entrada dará acceso a un máximo de 4 persoas, e establécense cinco quendas cada 10 minutos, cun total de 110 quendas ao longo da tarde. No momento de facer a reserva débese cubrir o nome e apelidos e teléfono de contacto de cada unha das persoas asistentes. A recepción contará cun estrito protoloco anticovid.

Á chega á Area Panorámica os paxes reais e o persoa municipal irán conducindo aos asistentes no circuíto establecido até o interior do teatro onde dende as escadas que dan acceso ao escenario os cativos poderán saudar con distancia a Melchor, Gaspar e Baltasar e fotografarse con eles. Recoméndase acudir ao Teatro con 10 minutos de antelación sobre a hora fixada na entrada para evitar aglomeracións.

No vestíbulo será preciso a desinfección de mans con hidroxel e lémbrase o uso obrigatorio de máscara para os maiores de 6 anos.

O escenario do Teatro Municipal transformarase cunha decoración especial para unha cita tan destacada coma esta recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar. Amais as carrozas reais permanecerán estacionadas na parte peonil do Paseo da Corredoira.

Cómpre lembrar que Tui continúa en peche perimetral e que conta cun nivel de restricións medio-alto que inclúe entre outras cuestións agrupacións máximo de 4 persoas.