Os Reis e o presidente de Portugal presiden o Comité de Honra do 800 aniversario da Catedral de Tui

As festividades comezarán en novembro

Tui | O rei D. Felipe VI e a raíña Dona Leticia e o Presidente da República portuguesa teñen aceptado a presidencia do Comité de Honra das celebracións do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui, que comezarán o vindeiro 30 de novembro deste ano 2025.

Así o teñen comunicado tanto a Casa da Súa Maxestade o Rei e a Casa Civil do Presidente da República portuguesa en resposta ao convite realizado polo alcalde de Tui, en nome do comité organizador deste evento no que participan tanto a Catedral tudense como as administracións públicas de Galicia e o Norte de Portugal.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, a aceptación da presidencia deste Comité de Honra por parte das máximas autoridades de España e Portugal supón unha altísima honra para esta cidade de Tui e o recoñecemento da importancia desta efeméride que expresa como a catedral tudense foi, durante séculos, a cabeceira dunha diocese que abranguía un amplo territorio nos reinos de Castela e Portugal, patentizando a condición transfronteiriza da nosa cidade. A propia catedral é un dos símbolos das interrelacións que ao longo dos séculos mantiveron e manteñen os territorios de Galicia e o Norte de Portugal e as súas xentes.

O rexedor tudense ao tempo que se congratula polo apoio recibido polas máis altas institucións de España e Portugal ás celebracións deste 800 aniversario da consagración da catedral tudense supón un compromiso e unha responsabilidade para traballar con máis empeño neste proxecto colectivo que dende o vindeiro 30 de novembro “promoverá un amplo programa de actividades que estamos a ultimar a través dun comité organizador no que participa xunto a este Concello e Cabildo catedralicio, a Xunta de Galicia, a Delegación do Goberno, a Deputación de Pontevedra, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Rexional do Norte de Portugal e outras entidades públicas e privadas do noso territorio”.

Neste sentido o último pleno da Corporación Municipal tudense aprobou solicitar para este evento a consideración de Acontecemento de Especial Interese Público para acollerse aos incentivos fiscais de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e aos Incentivos Fiscais ao Mecenado.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.