Os primeiros cen números non son nada.

Hoxe celebramos que un modesto medio de comunicación chegue ás CEN EDICIÓNS. É unha celebración un tanto atípica porque, nestes momentos, os medios de comunicación modestos como NOVAS DO EIXO ATLÁNTICO non están chamados a cumprir anos senón a desaparecer.

“Galicia sempre foi terra de promoción para os medios de comunicación”

Galicia sempre foi terra de promoción para os medios de comunicación, para os xornais e revistas. Comezamos aló polos anos 1600 e pico a “parir” xornais para comunicar e informar aos galegos o que estaba pasando ao seu arredor, non só na propia Galicia senón tamén no resto do Estado Español. Lembremos que xa Napoleón puxo en marcha os seus propios xornais para que as tropas puideran comunicarse entre elas e non depender das informacións, que entendían no lles favorecía, que lles chegaban da poboación que eles pretendían controlar militarmente.

Prensa en galego temos dende finais do século XVI nos que escribiron os nosos primeiros devanceiros no eido da poesía, por exemplo. Non imos facer aquí unha relación destes xornais pero si deixar constancia que todos defenderon unha Galicia ceibe, dona dos seus recursos e do seu destino. Ben é verdade que aínda hoxe é o dia que seguimos laiándonos por non o ter conquerido.

Antes de 1936 en que o ruído de sables foi mais ca iso, tiñamos unha gran produción de xornais. Coa chegada do Golpe de Estado franquista e fascista a situación cambiou rotundamente. Xornais pechados, intervidos e seus dirixentes na cadea cando non fusilados. Despois do 1939 os medios de comunicación puxéronse ao servizo dos vencedores, dos fascistas, dos que se enriqueceron coas miserias alleas e que aínda seguen desfrutando daqueles beneficios conseguidos por colaborar cos golpistas.

Nestes momentos non podemos dicir que teñamos unha prensa de verdade a nivel informativo. Temos, iso si, un montón de medios de comunicación, sobre todo diarios, que traballan pro domo sua, que dirían os clásicos. Se rastrexamos as orixes deses medios imos atoparnos que teñen as raíces aínda manchadas do sangue de tantos e tantos españois que deron a súa vida pola defensa do País e que foron utilizados como carne de canón para facer crecer empresas que hoxe cotizan no IBEX -35.

“Poder celebrar que un xornal humilde acade os CEN NÚMEROS resulta, cando menos, reconfortante”

Por iso poder celebrar que un xornal humilde acade os CEN NÚMEROS resulta, cando menos, reconfortante, ao tempo que sabemos do pouco que dura a alegría na casa do pobre.

Nós apostamos por “esta guerra” contra a desinformación aló polos anos oitenta do século pasado. Xa nos naceron ruzas dabondo e xa nos caeu un montón de pelo, aínda que manteñamos rexo e forte as nosas conviccións da necesidade dunha prensa ceibe, dunha información ben contrastada, que vaia as raíces dos problemas e as traia á superficie para coñecemento dos cidadáns, de todos os cidadáns sen ningún tipo de interferencias.

Nestes momentos temos que agradecer a todos/as aquelas persoas que dunha maneira desinteresada e de forma continuada fixeron posible non só os cen números de NOVAS DO EIXO ATLÁNTICO senón centos, miles de edicións saídas do prelo dende o ano 1984 en que puxemos na rúa o primeiro xornal de toda esta saga: A PENEIRA. Aquel xornal que dicíamos nacía para peneirar os acontecementos que afectaban ao vivir cotián dos cidadáns. Hoxe, aínda que coa variante nominal de FORO A PENEIRA seguimos naquela loita interminable, porque interminable resulta a guerra desinformativa que vivíamos entón e que hoxe aínda seguimos vivindo e sufrindo con maior intensidade, se cabe.

Aos xornalistas, comentaristas, humoristas que nos veñen acompañando nesta “longa noite dunha auténtica información” queremos agradecerlles unha vez mais a súa dedicación xenerosa e continuada, así como aos nosos humildes anunciantes (algúns xa cumpriron máis de 50 anos) grazas aos que seguimos ao pé do canón dispostos como sempre a disparar os nosos dardos sobre aquelas dianas da desinformación. Mentres nos queden folgos suficientes aquí nos atoparán, como dixo Castelao “morrendo (xornalisticamente) de pé antes de vivir de xeonllos”.

Grazas a todos e todas e “mil números mais” para NOVAS DO EIXO ATLÁNTICO”.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»