Os líderes en inclusión se forman en Mos

O Concello impulsa “AIREA Líderes”, unha iniciativa pioneira dirixida a persoas adultas con discapacidade

Mos | O Pazo de Mos acolleu hoxe a presentación oficial do programa AIREA Líderes, unha iniciativa pioneira en España impulsada por EVD Galicia co apoio da Xunta de Galicia, dirixida a persoas adultas con discapacidade e a familias de nenos e nenas con discapacidades do desenvolvemento.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que destacou “a importancia de apoiar iniciativas que fortalecen o liderado social, a participación e a voz das persoas con discapacidade e das súas familias, ofrecendo espazos de aprendizaxe, encontro e inspiración compartida”. No acto estivo acompañada polo Secretario Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Fernando González Abeijón, e por Ester Ortega y Erwin Wieringa, coordinadores do proxecto.

AIREA Líderes trátase dun proceso formativo vivencial, pensado para acompañar e fortalecer ás persoas participantes, favorecendo o seu liderado, a súa autonomía e a súa capacidade de incidencia social e política. Desenvolverase ao longo de seis fins de semana, entre outubro de 2025 e abril de 2026, en réxime de pensión completa e de xeito totalmente gratuíto.

Este programa é unha versión autorizada e adaptada á realidade galega do prestixioso programa internacional Partners in Policymaking®, creado polo Consello do Gobernador de Minnesota sobre Discapacidades do Desenvolvemento, e chega a Galicia coa intención de formar unha nova xeración de líderes e referentes en inclusión e dereitos.

O programa, polo que se interesaron ata 80 persoas e que finalmente contará coa participación de 27 persoas con diferentes perfís de discapacidade e pais e nais de nenos con discapacidade, combina formación teórica, metodoloxía participativa e encontros con representantes institucionais, articulándose en bloques temáticos que abordan as principais áreas de avance na inclusión e nos dereitos das persoas con discapacidade:

1. Historia do movemento polos dereitos das persoas con discapacidade.
2. Educación inclusiva e aprendizaxe permanente.
3. Coordinación de servizos e planificación centrada na persoa.
4. Emprego e vida independente.
5. Organización comunitaria e defensa de dereitos.
6. Lexislación estatal e relación coas administracións.
7. Lexislación autonómica e participación cidadá.
8. Procedemento parlamentario e participación en consellos.

Con esta colaboración, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión e a innovación social, poñendo o seu patrimonio histórico, como o Pazo de Mos, ao servizo de proxectos transformadores que melloran a vida das persoas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.