O 18 de decembro deste ano celebraremos o 25º aniversario da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea do ano 2000. Son 54 artigos, tras un preámbulo, todos de fácil lectura, que se poden consultar por Internet sen ningún problema. Cincuenta e dous anos antes, o 10 de Decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Trinta artigos, precedidos tamén dun preámbulo. Dereitos todos que hogano se conculcan -con maior ou menor gravidade- en todos os lugares do mundo e da Unión Europea.
Porén tanto os estados da ONU como os da U.E. comprometéronse a respectar os dereitos e liberdades do ser humano e dos pobos e nacións que formamos a humanidade. O marco legal que temos actualmente neste Estado -con carencias democráticas notábeis- establece outros máis e moitos deles tamén se conculcan. Evidentemente, non os vou citar todos, nin literalmente, porén recomendo a súa lectura.
O dereito á vivenda, a un traballo remunerado e a un salario digno, o dereito á educación, á sanidade. O dereito á vida, á liberdade, o dereito á dignidade humana (e, por tanto, a que ninguén te despoxe ou pretenda despoxarte da túa condición humana). O dereito á liberdade de expresión, á crítica, á información veraz… (Dereito á palabra que -como dicía Paulo Coelho- é un dereito de todas as persoas e non un privilexio dunhas poucas).
A vivir na túa propia lingua e a coñecer, gozar e difundir a túa propia cultura. O dereito á asociación, á manifestación, á folga, o dereito a non ser discriminada ou discriminado inxustamente.
O dereito a vivir en paz, o dereito a gozar de xeito sustentábel e o deber de preservar a vida e o medio natural para toda a cidadanía e humanidade. José Antonio Martín Pallín escribiu un pequeno libro moi interesante sobre isto titulado: “Los derechos de la Tierra”, que recomendo. Trátase máis ben dunha declaración de intencións, xa que estes dereitos apenas se recollen nos textos legais.
Todos temos o deber de respectar os dereitos dos demais e a legalidade cando esta é razoabelmente xusta e lexítima (pois non todas as legalidades son moralmente respectábeis: a dunha ditadura ou dunha tiranía non é unha legalidade moralmente respectábel, polo menos na maioría dos seus aspectos.
“Todos temos o deber de respectar os dereitos dos demais e a legalidade cando esta é razoabelmente xusta e lexítima”
Uns dereitos son individuais e outros son colectivos e, para velos plasmados nestes documentos oficiais de obrigado cumprimento, previamente, houbo loitas e conflitos intensos e, incluso, violentos… Como o mundo non é xusto, hai quen defende a primacía extrema do colectivo sobre o individual. Por, exemplo, no caso do dereito á soberanía e á autodeterminación dos pobos ou á xustiza social. E os pobos dominantes tenden a perpetuar o seu dominio sobre as nacións sen estado, por medio de estruturas e aparatos estatais máis ou menos opresivos… E tamén hai quen defende o dereito á propiedade privada e ao status quo (máis ben ao retroceso) dun xeito extremo, a custa do que sexa (incluída a xustiza e o ben xeral) e de quen sexa. Algúns ameazan con facer correr o sangue de novo, como xa pasa en Ucraína ou no xenocidio de Palestina… e para iso queren gastar máis e máis en armamento.
Eu, desde logo, quero un mundo no que se avance no respecto aos dereitos humanos. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que vos recomendo de novo ler (así como a Carta), comeza así: Art. 1.- “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.” (…) Poñelos nun papel é un logro que de pouco serve se non se fai o posíbel por cumprilos.