Oposición de Ribadumia denuncia a “degradación democrática” do alcalde David Castro

PP, PSOE e SOMOS Ribadumia emitiron comunicado conxunto
Os tres representantes da oposición no Concello de Ribadumia co comunicado conxunto.

Ribadumia | As tres forzas que formamos parte da oposición no Concello de Ribadumia vímonos na obriga de actuar solicitando amparo ante a Valedora do Pobo e unha xuntanza urxente con ela debido á degradación constante dos funcionamentos democráticos que dende o inicio de lexislatura está padecendo o noso concello por mor da acción de goberno de David Castro, e que ao noso entender chegou a límites insostibles.

Aínda que as irregularidades nos funcionamentos democráticos, as fallas na transparencia pública e os ataques aos dereitos fundamentais dos membros da oposición son múltiples, queremos reseñar algúns dos máis graves.

De partida o goberno local abandonou por completo as súas obrigas en canto á transparencia pública. No preceptivo Portal de Transparencia do Concello de Ribadumia pode comprobarse como a única páxina minimamente actualizada é a correspondente coa web de Contratos Públicos, onde a día 15 de outubro do 2021 a páxina de licitacións tiña a última licitación con data de xullo de 2020.

“De partida o goberno local abandonou por completo as súas obrigas en canto á transparencia pública”

As actas dos plenos municipais, que deben aprobarse no pleno inmediatamente posterior non so non se aproban, senón que a día de hoxe hai actas do ano 2020 sen aprobar nin facerse públicas. Ademais disto, as gravacións das últimas sesións plenarias, que teñen o valor de video-acta, non están accesibles nin aparecen no Portal de transparencia, e as que se poden consultar na canle de youtube do Concello, son gravacións parciais.

Non se fan públicos os orzamentos dende o ano 2018. Non se publican bandos dende o ano 2016 de xeito público – so son accesibles para usuarios rexistrados na web municipal, un rexistro que debe ser autorizado por alcaldía.

“Non se fan públicos os orzamentos dende o ano 2018”

Non hai publicada ningunha das Contas Anuais do Concello, e non se publican actas dos acordos das Xuntas de Goberno Local dende o ano 2017. Todo isto son irregularidades moi graves que van en contra da lexislación vixente, e que poderían ter consecuencias legais.

Porén, a falta de transparencia vai moito máis alá da falta de publicación no portal de transparencia do Concello das cuestións municipais. Aos membros da oposición non se nos fixo chegar nin unha soa acta das Xuntas de Goberno Local dende o inicio desta lexislatura. Ademais aos concelleiros que solicitan acceso ao rexistro municipal negáselle sistematicamente.

O goberno local nega tamén dende inicio desta lexislatura acceso a calquera proxecto municipal ou outra documentación relacionada coa acción de goberno, como os expedientes das diferentes solicitudes de subvencións ou licitacións. E cando non se nega directamente, atrásase a través de diversos subterfuxios o acceso, motivo que levou a algún dos partidos da oposición a interpoñer varias solicitudes de amparo ante a Valedora do Pobo en varias ocasións.

A falta de transparencia e os atrancos á labor política dos representantes da oposición, ven acompañada dunha completa falta de funcionamento democrático.

“Nos Plenos municipais, dende xullo de 2020 non se nos permite aos membros da oposición exercer o noso dereito a réplica nos debates”

Nos Plenos municipais, dende xullo de 2020 non se nos permite aos membros da oposición exercer o noso dereito a réplica nos debates, e en moitos casos nin sequera o dereito a responder a alusións directas ou a expor as nosas propias mocións, como aconteceu no pleno do 5 de novembro de 2020, onde se procedeu a votar unha moción de urxencia presentada por un dos concelleiros da oposición sen permitirlle a exposición de motivos, nin tampouco dar opción a que o resto de membros do pleno nos expresaramos ao respecto da mesma.

Unha actitude continuada por parte de David Castro que o levou a unha dinámica asoballadora, falta de toda democracia e que conculca sistematicamente os dereitos fundamentais dos concelleiros da oposición, onde abusando da súa posición nega a voz aos membros da oposición ao tempo que permite que os membros do seu grupo se expresen nos termos que consideren, sen limitación de ningún tipo.

“Unha actitude continuada por parte de David Castro que o levou a unha dinámica asoballadora, falta de toda democracia e que conculca sistematicamente os dereitos fundamentais dos concelleiros da oposición”

Unha situación que se repite en cada un dos plenos celebrados, pero que ten un exemplo moi claro e concreto no pleno extraordinario celebrado o pasado 1 de xullo de 2021, solicitado pola oposición e no cal David Castro negou o dereito aos concelleiros da oposición, solicitantes do pleno e asinantes da única proposta de acordo incluída na Orde do Día do mesmo, a debater – máis alá da exposición inicial – e mesmo presentar modificacións ou transaccións na proposta de acordo que se debía votar.

A esta dinámica hai que sumarlle a negativa do alcalde a permitir que os concelleiros presenten cuestións de orde nos plenos, ou prácticas irregulares como someter os orzamentos e os resultados contables a debate e aprobación en sesións extraordinarias, cando o preceptivo e facelo en sesións ordinarias, e actuar ademais xogando cos prazos legais para limitar o acceso á documentación.

Por todo o exposto, consideramos que no seu conxunto este tipo de actuacións constitúe unha importante e moi grave degradación do funcionamento democrático do noso concello, que afecta tanto á veciñanza como ás forzas políticas da oposición, que nos vemos impedidas para poder realizar a nosa labor política do xeito correcto.

E por iso vimos de solicitar á Valedora do Pobo unha xuntanza urxente para poder abordar este tema polo miúdo, amparo ante a súa institución diante deste ataque aos funcionamentos democráticos que deben rexer a vida política municipal e os continuos atrancos aos que o Concello de Ribadumia somete aos concelleiros da oposición, e tamén que inste ao goberno local do concello de Ribadumia a facer entrega en tempo e forma da documentación que dende que a oposición se lle require, e en concreto que entregue e publique no portal de transparencia municipal as actas das Xuntas de Goberno.

“E por iso vimos de solicitar á Valedora do Pobo unha xuntanza urxente para poder abordar este tema polo miúdo”

Con todo, o noso obxectivo é recuperar o normal funcionamento do noso concello, polo que instamos a David Castro a que non agarde que os mecanismos dos que está dotado o noso estado o obriguen a cumprir coas súas responsabilidades, e corrixa canto antes esta situación.