“Ocupemos o noso lugar” será o lema do 8M en Tui

Cunha ampla programación do 4 de marzo ao 2 de abril

Tui | “Ocupemos o noso lugar” é o lema da programación organizada polo Concello de Tui para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres. As actividades comezarán mañá sábado e prolongaranse até o 2 de abril. O acto institucional, representacións teatrais, exposicións, homenaxe ás mulleres pintoras, presentación de libros, un mercado de Mulleres Creativas, ou un taller de crochet, forman parte do programa previsto.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que co lema ”Ocupemos o noso lugar” reivindícase o lugar que as mulleres, tendo en conta que son máis da metade da poboación, deben ocupar. Sinala así a edil que “reivindicamos o noso dereito a ocupar o lugar que nos corresponde, que é a metade de todo, e así o mundo sería un lugar moito máis xusto e igualitario”.

Engade Ana Núñez que o seguiremos a facer “cada 8 de marzo, cada mes de marzo, cada día do ano, coa esperanza de que chegue un día que non o necesitemos. Mentres isto non sexa así, non estea conseguido, mentres as mulleres non teñan dereito a estar na metade de todos os espazos, de todos os lugares, imos a seguir berrando e reivindicando os nosos dereitos a ocupar o noso espazo”.

O próximo mércores, 8 de marzo, terá lugar o acto institucional ás 19 h no edificio da praza da Inmaculada onde se dará lectura ao manifesto deste Día Internacional das Mulleres por parte da xornalista tudense de Radio Vigo, Paula Montes. Amais contarase coa acción artística “Muller auga” a cargo de Ana Abad Larriva e María Move. Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía a participar neste acto conmemorativo. Previamente ás 18 h, no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Tui, o alumnado deste centro ofrecerá un concerto homenaxe á compositora Amy Beach.

Previamente mañá sábado, 4 de marzo, dende ás 10.30 h na praza da Inmaculada terá lugar o taller de crochet “Tecendo Feminismo” impartido por Salomé Fernández de Cucapuntoes no que as persoas participantes elaborarán unha camelia branca, símbolo do feminismo. É preciso inscrición previa en hola@cucapuntoes, en M&R na rúa Compostela. As mulleres que mañá se acheguen até a Praza da Inmaculada serán agasalladas cunha camelia branca realizada en crochet.

O sábado, 11 de marzo, ás 12 h inaugurarase no Paseo da Corredoira a exposición “O esforzo in-visible” das deportistas tudenses Aida Valiño, Anita Rodríguez, Carmen González, Eva Mª Ara, Leticia Barbosa, Loli Pedrares, Marisa Giráldez, Nuria Domínguez, Sara Tui, Susana Fontán, e Tania Fernández. Ao día seguinte, o domingo 12, ás 11 h partirá dende a rúa Rosa Bahamonde o roteiro “Camiñando con elas”, no que nun percorrido dunha hora polo conxunto histórico, coñecerase a historia e a vida de dez mulleres tudenses: Antonia Saravia, Cándida Rodríguez, Clara Torres, Conchiña Concheiro, Evagelina Jaso, Josefa Correa, Mª Suárez Sarmiento, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, e Rosa Bahamonde. Participar é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.

A escritora Marilar Aleixandre será a protagonista do encontro previsto entorno ao seu libro “As malas mulleres” o luns, 13 de marzo, ás 16.30 h no Teatro Municipal de Tui. Asistirá o alumnado de Bacharelato dos dous institutos tudenses nunha actividade aberta tamén á cidadanía en xeral.

Na programación realizarase amais unha homenaxe ás “Mulleres Pintoras” o martes, 14 de marzo, ás 18 h no Paseo da Corredoira. Consistirá na posta en escena da peza artísticas “Subterránea” de Mónica Sueiro. Trátase dunha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas que foron silenciadas ao longo da historia.

A continuación na Oficina de Turismo inaugurarase a exposición pictórica da Asociación de pintura Tyde na que Alicias Maetinez, Alicia Rodríguez, Conchi González, Emilia González, Isa de Haro, Fina Saa, Loli González, Mª del Carmen Baquero, María Fernández, María Garrido, María José Rodríguez, Pilar Pereira, Teresa Ruano, e Susi Eguia presentarán obras de Berthe Morisot, Frida Kahlo, María Victoria de la Fuente, Margaret Keane, Maruja Mallo, Menchu Lamas, Pilar Moutaner, Shamsia Hassani, Tamara Lenpika,Tarlisa do Amaral, Vanessa Lodeiro, e Yayoi Kusama.

Esta exposición, salienta a concelleira Ana Núñez, “é un acto de xenerosidade e sororidade que ten coma finalidade dar a coñecer a mulleres pintoras e as súas obras a través doutras mulleres aliadas”.

Da man da Deputación de Pontevedra o Teatro Municipal de Tui acollerá o xoves, 16 de marzo, ás 20.30 h o espectáculo “Cómicas, habelas hainas!” a cargo de Marta Doviro, Jazmín Abuín e Arantxa Treus coa presentación de Bárbara Grandío.

“As mulleres represaliadas no cárcere de Tui” é o título do libro de Helena Pousa, Marga do Val, Mª Victoria Martínez e Xosé Ramón Paz Antón e da exposición que o venres 24 de marzo ás 20 h se vai presentar no antigo cárcere na Praza da Inmaculada. Está editado polo Concello de Tui en colaboración coa Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, A Louriña e o Condado. Este acto está aberto ao público até completar o aforo.

Este mesmo espazo, o antigo cárcere, acollerá o sábado, 25 de marzo, ás 21 h a representación de “A señora de Forcadela” pola compañía Os Quinquilláns, inspirada na historia de Josefa García Segret, que foi detida durante o ano 1936 e retida na prisión de Tui, e doutras mulleres galegas represaliadas. Chega a Tui en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O mércores, 22 de marzo, impartirase un taller de saúde sexual feminina con Ana Cal na Sala Félix Rodríguez.

A programación complétase coa xornada de negocios “Mulleres Conectadas” o venres 31 de marzo, o Mercado de Mulleres Creativas o domingo 2 de abril na Praza da Inmaculada. As persas interesadas en participar poden contactar co departamento de igualdade en igualdade@tui.gal.

Amais o espazo Club de Emprego na Radio Municipal de Tui estará dedicado os luns deste mes de marzo a “O Mercado Laboral para as mulleres do século XXI”. Na programación inclúese tamén a campaña en liña a través das redes sociais municipais de Quero Tui “Elixe Igualdade” na que se porá en valor as mulleres comerciantes da cidade a súa aportación á economía local.

Dende o próximo luns, 6 de marzo, a casa do concello iluminarase de morado con motivo deste 8M, e colocarase a lona coa imaxe da campaña “Ocupemos o noso lugar” na fachada.
A imaxe gráfica desta campaña “Ocupemos o noso lugar” foi realizada pola ilustradora Alba Casanova. Difúndese este material en mupis pola cidade, así coma na cartelería que está a dispor dos establecementos comerciais e de hostalería que a poden solicitar en igualdade@tui,gal, así coma no distinto material que se vai distribuír nos actos previstos ao longo deste mes. A programación completa pode consultarse en tui.gal.