Obrigas antes que beneficios?.

Hai unha trama corrupta que parasita na nosa sociedade e deturpa a previsible democracia que soñamos, que tanto tempo levamos soñando. Esa democracia que non chega porque está mal asentada, que non asume o papel liberalizador da xente e dos pobos para organizarse de tal forma que permita acadar deberes e desfrutar dereitos, harmonizar para acadar ese sentimento de pertenza, de seguridade, de futuro, de inclusión e esperanza posta no mañá, de utilidade, de encontro e conciliación, de xustiza en igualdade, de normas que activen un saberse feliz e considerado. Pero, xa digo, hai unha trama que nos parasita esa “nosa” democracia, tan peculiar, e a cambio nos oferta o sucedáneo falso e malo, funesto, tan traidor que non só permite a mentira como resposta senón que a prioriza. Non só escolle o silencio como desculpa, a impunidade como pago dese silencio, senón que vai creando un grupo cada vez máis numeroso para que se aproveite do resto da xente, a chusma. Esa chusma na que estamos os culpables de todo, de que a economía non funcione, de que haxa crise e vivamos por riba de nós, de non ser competitivos, de non ter quen nos represente, de votar a cegas, de calar e tragar constantemente, de ser cómplices nesta deixada pasividade, de consentir todo o que pasa. Aí está o noso delito, estar tan pasivos. Diante dalgunha cousa que acontece deberiamos estar en loita de defensa dos nosos dereitos, en loita contra o abuso e a pertinaz inxustiza que desequilibra tantas balanzas. Hai pouco fomos teoricamente culpables desta crise, a razón era –como ben sabedes- vivir por riba de nós. Ao pouco viuse o dispendio duns cantos que furtaron e meteron a man, ata o fondo, das arcas da economía e dos depósitos da sociedade. Non foron culpabilizados do seu mal, andan por aí rindo de nós, de todos nós. Esterilizaron a ilusión, inventan novas rupturas e eres, crises sociais para evadirse das obrigas antes de escapar cos beneficios, castigan á clase traballadora con soldos de pena, e á xuventude déixana sen traballos dignos e con infinidade de burocracias e imposicións de todo punto de vista abusivas, pagan mal os servizos que requiren e cando o fan, fano tarde. Por riba seguen facendo das súas, chegan ao insulto cando homenaxean a ministros do seu ramo que foron reprobables, non xa polo suicidio da confianza, senón tamén da Ciencia, da Cultura e da Educación en todas as súas formas. E que pensar desta xustiza á que se lle ven as eivas. Traman, e son os mesmos, desde o poder que lles outorgan os votos dos convictos, dos que se deixaron seducir ou enganados confiaron neles. E van facendo círculos de amigos que reciben en pago o nomeamento, mentres se comprometan a un trato preferente e a cumprir coa interpretación necesaria. Sabendo isto, reciben os votos. Anque sexan os que se burlan acotío, incluso parapetando á explotación bancaria que se recrean nos perfiles dunha xustiza dependente, nomeada a dedo para a subvención e amparo dos mesmos que exercen o poder, enrocados desde hai moito tempo nestas súas explotacións, sendo peóns da súa xestión indecente e das portas xiratorias que os perpetúan en postos de responsabilidade, cun reparto suficiente para esquecerse de nós, a chusma, mentres eles viven cumpridamente.

Mestre e músico.