Obras de mellora da cuberta do Pavillón Municipal de Sisán (Ribadumia)

Cun orzamento de 6.655,91 € (IVE incluído)
Estes traballos consisten na reparación e limpeza integral dos elementos sensibles da cuberta.

Ribadumia | Estes días estanse a levar a cabo as obras de mellora no Pavillón Municipal de Sisán. Concretamente, as actuacións previstas van encamiñadas á solucionar os problemas de filtración de augas que actualmente sofre a instalación. Estes traballos consisten na reparación e limpeza integral dos elementos sensibles da cuberta (canalóns, baixantes e remate de cumbreira).

Deste xeito, contémplase a reparación e selado de canalóns e baixantes, a reparación de cumbreiras, o subministro e montaxe de chapa e remate de cuberta e, finalmente, o selado e repaso de ancoraxes en remates perimetrais.

As obras contan un orzamento de 6.655,91 € (IVE incluído) e están cofinanciadas nun 70% pola subvención recollida na “Orde do 30 de decembro de 2020.

Nesa orde se establecen as bases reguladores e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2021, de forma individual e mediante sistema de xestión compartida” da Xunta de Galicia.

Estas melloras supoñen un esforzo máis do equipo de goberno do Concello por investir no mantemento e conservación das instalacións municipais para o desfrute dos usuarios e usuarias.

Servizo de axuda ós veciños e veciñas 
Rematada a tempada de vendima, o Concello de Ribadumia retoma o servizo de axuda á veciñanza no cambio de recibos e documentación tralo proceso de renumeración das vivendas do municipio.

Desta volta é a quenda da parroquia de Ribadumia e para este caso vaise dividir en dous bloques.

Nesta primeira ocasión, o persoal do Concello estará no Auditorio Municipal, dos días 4 de outubro ao 8 (ambos incluídos) en horario de 9:30 a 14:00 para atender a todos aqueles veciños interesados pertencentes aos lugares de CABANELAS, O FREIXO, CRUCEIRO VELLO E MAMUELA.

Con posterioridade, establecerase outro período para o resto dos veciños e veciñas de Ribadumia.

O obxectivo deste servizo é facilitar en todo o posible os trámites para o cambio de número das vivendas en todo o relativo a recibos e documentación.