Obradoiro de emprego Vía da Prata II en Cea, Piñor e Vilamarín

Estivo centrado na albanelería, aproveitamentos forestais e na atención sociosanitaria

San Cristovo de Cea | A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, puxo hoxe de relevo que a Xunta inviste máis de medio millón de euros para formar durante 12 meses unha vintena de alumnas e alumnos no marco do obradoiro de emprego Vía da Prata II, desenvolvido en San Cristovo de Cea, Piñor e Vilamarín.

Fíxoo na visita a este obradoiro de emprego dual centrado na albanelería, nos aproveitamentos forestais e na atención sociosanitaria, onde puxo de relevo “a colaboración dos tres concellos” para sacar adiante a iniciativa.

Na visita, a conselleira apostou por “fomentar a formación para mellorar a incorporación no mundo laboral” vencellada ás particularidades de cada zona, co que tamén se contribúe -destacou- a “fixar a poboación no rural”.

Conscientes da importancia de seguir traballando para acadar este obxectivo, sinalou que o Goberno galego mantén o seu compromiso con programas como os obradoiros de emprego duais, que a través da formación e do emprego pretenden, por unha parte, formar brindando opcións que mesturan teoría e práctica profesional e, por outra banda, facilitar novas oportunidades reais de inserción laboral.

Nese senso, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade referiuse aos obradoiros de emprego como ferramentas fundamentais para dotar a poboación activa de formación de calidade ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, fortalecendo piares fundamentais da nosa economía.

No caso concreto do obradoiro de emprego Vía da Prata II, Elena Rivo apuntou que se centra na albanelería, “unha área na que se demandan profesionais en toda Galicia”. Así, contémplanse accións como a visitada hoxe, de recuperación dun lavadoiro, ademais doutras como o acondicionamento de camiños ou de beirarrúas.

No caso do eido forestal, a conselleira dixo que os esforzos deben centrarse en “avanzar na conservación e xestión dos nosos montes”. Neste caso, os participantes no obradoiro de emprego dual aprenden a levar a cabo traballos de limpeza e xestión de biomasa.

Por último, referiuse ao campo da atención sociosanitaria, novidade deste ano, atendendo a que a asistencia domiciliaria é un sector en auxe, cunha ampla oferta laboral “especialmente na provincia de Ourense, con poboación máis envellecida”, polo que as alumnas e alumnos tamén atenderán a persoas nas súas vivendas durante o seu período formativo.