O TSXG aprobou o seu primeiro protocolo sobre crimes sexuais

De uso voluntario, cunha guía áxil e didáctica
A sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia difundiu o documento entre os xulgados da xurisdición penal.

Santiago de Compostela | Galicia conta por fin cun protocolo de actuación sobre crimes sexuais, que foi elaborado en Santiago por un equipo multidisciplinar dirixido pola xuíza de instrución compostelá Ana López-Suevos Fraguela, pero que nace coa vocación de que se aplique en toda a comunidade.

Para iso, a sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que quixo felicitar á maxistrada polo seu “amplo e exhaustivo traballo”, difundiu o documento entre os xulgados da xurisdición penal.

O seu uso é voluntario, porque non se trata dunha norma xurídica, pero a utilidade da guía é tan evidente e o que hai en xogo tan delicado que custaría entender que non se convertese nunha referencia de primeira orde á hora de abordar os casos de agresións e abusos sexuais.

“O seu uso é voluntario, porque non se trata dunha norma xurídica”

No partido xudicial compostelán si se vai a utilizar esta guía de forma xeneralizada, porque xa se adheriron as principais Administracións e institucións que participan na investigación dos crimes sexuais e no tratamento ás vítimas.

Estas institucións son a comisaría da Policía Nacional, o colexio de avogados, o decanato dos xulgados, a xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Xunta —desde Vicepresidencia á dirección xeral de Familia ou a secretaria xeral de Igualdade—, a Policía Autonómica, o goberno municipal da cidade e as alcaldías de Ames, Teo e Boqueixón.

O protocolo é áxil e moi didáctico, con 17 páxinas nas que se aborda desde como debe levar a cabo a actuación médica forense para preservar as mostras biolóxicas a guías e esquemas moi claros de como debe abordarse a investigación policial e, de forma moi especial, o tratamento e acompañamento das vítimas en todos os supostos, desde menores a maiores de 14 anos ou persoas afectadas por discapacidade que necesiten unha especial protección.

Entre as recomendacións que recolle o documento destaca a de evitar que as vítimas teñan que declarar detalles dos feitos ante a policía para despois repetilos no xulgado, porque se produce unha dobre victimización.

Con ese mesmo espírito, proponse que sempre que sexa posible utilícese a proba preconstituida para que os afectados non teñan tampouco que reproducir o seu testemuño no xuízo.

Outros artigos