O Servizo de Aula Madruga chegará a todos os colexios do Porriño

Asinados convenios de colaboración coas ANPA's "A Oliveira" e "Santa Eulalia"

O Porriño | O Concello do Porriño formalizou hoxe as súas primeiras axudas municipais directas para a posta en marcha dun servizo de vital importancia para as familias: a implantación de Aula Madruga nos colexios.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, asinaron hoxe os convenios de colaboración coas presidentas das ANPAS do Santa Eulalia CEIP Plurilingüe de Atios e “A Oliveira” do CEIP Xosé Fernández López, Bárbara Belén Costas e Mónica Pita, respectiva.

No caso do centro escolar do centro urbano esta achega municipal permitirá afrontar o 50% do gasto que supón a posta en marcha por primeira vez deste servizo de conciliación. Concretamente serán 3.000 euros ao tratarse do primeiro ano. No caso do colexio de Atios a achega será de 1.500 euros, xa que a aula madruga xa estaba funcionando. Cabe destacar que os dous centros educativos que aínda non dispoñían deste servizo, o CEIP Cruz Budiño e o CPI da Ribeira, xa o ofertan para vindeiro ano, e contarán a tal fin co respaldo do concello nos mesmos termos.

“Trátase de facilitar ás familias conciliar a vida laboral e familiar, e demostrouse que a Aula Madruga é un servizo moi efectivo a este fin ao ofrecer acompañamento e custodia aos nenos e nenas ata a hora de comezar as clases”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Considero que como administración máis próxima é o noso deber tender a man sempre ás asociacións de pais e nais para o que precisen, xa que isto repercute directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza”.

Neste sentido se manifestou tamén a concelleira, Carolina González, que agradeceu ás ANPAS “a iniciativa e as ganas de traballar da man co Concello a prol da comunidade educativa”.

21 novos traballadores para o persoal municipal
O Concello do Porriño incorporou hoxe a 21 traballadoras e traballadores que desenvolverán funcións nos diferentes servizos municipais.

Trátase concretamente de un oficial de carpintería, un de soldadura, un de albanelería, un tractorista-condutor con guindastre e dous peóns de obra pública para o Departamento de Obras;  oito peóns forestais para o Departamento de Parques, xardíns e limpeza; un auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e seis conserxes para diferentes departamentos municipais.

Estas contratacións efectuáronse con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño fai unha aportación de preto de 50.000 euros. O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiunos hoxe para darlles a benvida ao seu novo posto de traballo.  “Temos moito que facer e o voso traballo será esencial para prestar un mellor servizo á veciñanza así que benvidos a este equipo a todas e todos”, apuntou o alcalde que ademais os animou a “esta oportunidade, non só para adquirir experiencia, tamén para sumar coñecementos que sen dúbida vós serán de axuda na vosa carreira profesional”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.