O segredo profesional na comunicación e o Fiscal Xeral.

Cadernos da viaxe.

O segredo profesional que asiste ás persoas comunicadoras adquiriu relevancia no xuízo penal contra o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, acusado de revelación de segredos pola difusión dun comunicado sobre a investigación, por delictos fiscais e conexos, á parella da presidenta rexional de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. O desenvolvemento da primeira semana de sesión orais do xuízo ten xerado unha polémica sobre a orixe da difusión do suposto segredo.

O segredo profesional dos comunicadores é un piar fundamental nun estado democrático e a súa aplicación xurídica é complexa, especialmente cando entra en conflito con outros dereitos ou intereses. O segredo profesional xornalístico no noso Dereito non é un “privilexio” do xornalista, senón unha garantía do dereito fundamental da cidadanía a recibir información veraz (artigo 20.1.d da Constitución). O segredo profesional é o instrumento que protexe a canle pola que a persoa xornalista obtén a información de interese público, asegurando que as fontes confidenciais non teman represalias e sigan ofrecendo datos necesarios para o escrutinio público. É, pois, un dereito instrumental na atmosfera contextual de liberdades precisa para unha sociedade democrática.

“O segredo profesional dos comunicadores é un piar fundamental nun estado democrático e a súa aplicación xurídica é complexa, especialmente cando entra en conflito con outros dereitos ou intereses”

É certo que non existe unha obriga xurídica da persoa xornalista ou comunicadora de manter o segredo a respecto da súa fonte. Mais si existe esa obriga ética que, ademais, é funcional nun sistema de libre comunicación informativa.
O recoñecemento constitucional deste dereito ficou pendente de regulación legal despois de 47 anos polo que temos que botar man da xurisprudencia do Tribunal Constitucional-TC. E, por riba de todo, do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos–TEDH-para identificar as contornas deste dereito. Segundo esta xurisprudencia o dereito protexe tanto a identidade da fonte: ( de xeito que o xornalista non pode ser obrigado a revelar quen lle deu a información) como o propio material informativo (de xeito que as notas, gravacións, etc., que poidan levar á identificación da fonte entran neste perímetro protexido). O TEDH ten defendido que a protección das fontes é unha condición básica para o exercicio da liberdade de prensa.

Mais dende o 8 de agosto deste 2025 rexe o Regulamento europeo de liberdade nos medios de comunicación (EMFA) que alarga moi potentemente o réxime de protección das fontes deseñado xurisprudencialmente polo TEDH, que inspira esta doutrina, malia lle outorgar potestades aos órganos xudiciais para excepcionar este dereito no suposto de ameazas á seguridade pública ou á vida ou integridade das persoas. Xa que logo, consonte con este marco normativo e xurisprudencial (nomeadamente de xénese europea), o segredo profesional non é un dereito absoluto. O seu principal límite prodúcese cando entra en conflito con razóns “imperiosas de interese xeral”, como a protección da vida u integridade física de terceiros ou a seguridade colectiva. Nestes casos, o xuíz debe realizar un xuízo de proporcionalidade para decidir que interese prevalece.

O segredo profesional non constitúe unha obriga xurídica da persoa comunicadora, mais si unha obriga ética de tal magnitude que, de non se respectar, prexudicaría letalmente, en termos de dano reputacional, tanto o seu prestixio profesional como o do seu propio medio, de xeito que ficarían absolutamente desprestixiados. Como seica manifestou unha testemuña xornalista deste xuizo “tería que deixar o xornalismo e voltar traballar no supermercado dos meus pais”.

García Ortiz está a ser xulgado perante o Tribunal Supremo (TS) dun delicto de revelación de segredos por parte dun funcionario público. Nas primeiras sesións do xuízo testemuñaron xornalistas de varios media que afirmaron dispor da información con anterioridade ás 21.59 horas do 13 de marzo de 2024, hora na que lle chegou, de xeito non controvertido, a información da proposta á Fiscalía de conformidade nunha pena por delicto fiscal do avogado da parella da presidenta madrileña. Todos eles e, nomeadamente, o director adxunto de eldiario.es acolléronse ao segredo profesional para non relatar cadansúas fontes, malia que tamén todos afirmaran que coñecían a información na súa integridade por persas alleas ao actual Fiscal Xeral.

O risco dunha pena de prisión e multa importantes, que suporían o inmediato cesamento e a inhabilitación profesional do Fiscal Xeral, non lle autoriza a estes xornalistas para vulnerar o segredo profesional, pois que nin a seguridade pública nin a vida ou integridade física de persoa ningunha está en risco. Mais o TS haberá avaliar, conxuntamente coas demais probas practicadas no xuizo, a nidia negativa destas testemuñas a respecto da autoría da filtración por parte do actual Fiscal Xeral, agás acorde proceder contra todas elas por un delicto de falso testemuño, o que semella moi improbábel.

Un apuntamento de peche. A maxistratura, fiscalía e persoal da administración de xustiza teñen un grave deber de confidencialidade sobre o contido das causas xudiciais. Estes dados só se haberían coñecer a medio das canles oficiais para transmitir información xudicial.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.