O SAF de Ponteareas duplica os seus investimentos

O pleno municipal acordou ata mais de 1,8M€ para ampliar persoal, calidade e cobertura deste servizo

Ponteareas | O Concello de Ponteareas adxudicou en pleno o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o máis cuantioso da historia municipal, que permitirá dar un salto significativo na cobertura, na calidade asistencial e nos recursos destinados á atención social.

O contrato contará cun importe anual de 1.853.858,44 euros, fronte aos 873.110,40 euros do ano 2022, e permitirá incrementar as horas de servizo ata 80.400 anuais (67.000 fixas e 13.400 variables), moi por riba das 55.200 horas anuais do modelo anterior. Este reforzo permitirá atender á totalidade das persoas con dependencia de grao III e practicamente á totalidade das de grao II, eliminando as listas de agarda existentes nos últimos anos, nas que había entre 40 e 60 persoas pendentes de atención.

O prezo por hora increméntase de 16,94 €/h a 27,67 €/h, o que permitirá mellorar de maneira substancial a calidade do servizo e avanzar cara a un modelo máis sólido e profesionalizado. Ademais, o contrato incorpora un importante reforzo do equipo profesional, que pasa de 17 a 55 auxiliares, e amplía a estrutura de coordinación e atención con 3 coordinadoras (1 educadora social e 2 traballadoras sociais), 1 fisioterapeuta e 1 podóloga.

Entre as novidades destaca tamén a incorporación de sistemas tecnolóxicos avanzados para a xestión do SAF, que permitirán mellorar a coordinación, a seguridade e a comunicación entre persoas usuarias, profesionais, familias, empresa e Concello. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que: “Esta adxudicación representa unha das decisións máis importantes do mandato, porque permite consolidar un modelo de concello que coida, acompaña e atende ás persoas que máis o precisan”. O Concello reafirma así o seu compromiso cun servizo de axuda no fogar máis forte, estable e de calidade, adaptado ás necesidades reais da veciñanza.

I Premio Seraogna de poesía “A escola sen acoso”
O Concello convidou a participar no I Premio Seraogna de poesía “A escola sen acoso”, unha iniciativa organizada polo IES do Barral, en colaboración coa libraría MilFollas, co obxectivo de render homenaxe ao poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro e, ao mesmo tempo, sensibilizar á comunidade educativa contra o acoso e o maltrato na infancia.

O certame nace coincidindo cunha data moi significativa: no ano 2026 cúmprense 50 anos da publicación de Seraogna, a primeira obra do autor ponteareán, unha peza fundamental da literatura galega contemporánea.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou a importancia desta iniciativa como “un merecido recoñecemento a unha das voces máis relevantes da nosa literatura e un exemplo do compromiso do noso municipio coa cultura, a educación e a convivencia”. Esta iniciativa súmase ás actividades xa postas en marcha polo Concello ao longo deste ano baixo o programa “Seraogna, 50 anos”.

“Alfonso Pexegueiro é un orgullo para Ponteareas e unha referencia imprescindible das nosas letras. Este premio permite achegar a súa figura ás novas xeracións e, ao mesmo tempo, lanzar unha mensaxe clara en favor dunha escola libre de acoso, baseada no respecto, na empatía e na palabra como ferramenta de transformación”, sinalou o concelleiro.

A alcaldesa, Nava Castro, convida á participación: “Convido a toda a comunidade educativa e á veciñanza a sumarse a este certame, a escribir, crear e reflexionar arredor da convivencia e do respecto. A poesía é tamén unha forma de educar e construír sociedade”.

O premio está aberto a textos poéticos escritos en lingua galega, inéditos e orixinais, cunha extensión mínima de 14 versos e máxima de 55, que deberán presentarse baixo pseudónimo. A temática é libre, aínda que desde a organización se recomenda abordar o motivo condutor do certame: a escola sen acoso. O prazo de presentación dos traballos rematará o 10 de abril de 2026 ás 23:59 horas. Os poemas deberán remitirse ao correo electrónico departamentogalego@iesdobarral.com, indicando no asunto “I Premio Seraogna: a escola sen acoso”.

Premios
O 1º premio está dotado con 200 euros; o 2º premio cunha tablet e o 3º premio cun lote de libros. Ademais, os premios irán acompañados dunha lámina orixinal de Alfonso Pexegueiro para cada persoa gañadora e para o centro educativo con maior participación.

O fallo do xurado, composto por persoas de recoñecida traxectoria no ámbito literario galego, darase a coñecer durante a primeira semana de maio de 2026.
As persoas participantes dividiranse en tres categorías:
A) de 6 a 12 anos
B) de 13 a 18 anos
C) de 19 anos en diante

Cada participante poderá enviar un único poema e deberá achegar dous documentos: un co texto e o pseudónimo, e outro cos seus datos persoais. No caso das persoas menores de idade, será necesaria a autorización do titor ou titora legal. As bases do premio poden consultarse en https://www.edu.xunta.gal/centros/iesbarral/system/files/Premio%20Seraogna.pdf

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.